Medicina benéfica

Estíbaliz Veiga

A MARIÑA

23 abr 2019 . Actualizado a las 15:09 h.

Hoxe fun madriña. Xa o son dun neno fermoso chamado Xacobe, pero hoxe funo de case 300 persoas que corrían por unha causa máis que necesaria: axudar ás familias pertencentes á asociación de enfermos mentais de Santiago de Compostela.

A V edición desta carreira popular, organizada por Campus na Nube e os estudantes de 6.º de Medicina, tivo unha enerxía moi especial. O sol daba de cheo no campus e a alameda tiña unha cor especial. En abril estamos tendo augas mil, pero deu un respiro o ceo para que os que puxeron o seu gran de area nesta xornada non fosen para a casa molladiños.

O «speaker» foi de luxo: o xuíz Suso Silva, premiado na Gala do Atletismo Galego 2019, por 30 anos dedicados a este deporte.

Nestes días a Fiscalía de Madrid presentou a denuncia contra 3 «traballadores» dunha residencia que o grupo Los Nogales ten en Madrid, por infrinxir presuntamente malos tratos físicos e psicolóxicos a dúas mulleres. Barbaridade que se ve claramente no vídeo que achegou o denunciante.

Calquera mostra de humanidade e de respecto polos que por unha lotería azarosa da vida padecen e sofren dáme un pouco de fe. A persoa que maltrata a un avó non ten perdón. A persoa que despreza a un enfermo non ten perdón. Por favor, un pouco de empatía, un pouco de amor, un pouco de consideración,... que nos estamos perdendo. Que nos está pasando?

Grazas aos que corredes día a día, sen meta, porque coidades de enfermos que non se sabe onde nin como poden ser «salvados» da súa dor. O podio aos que, a diario, sodes coidadores e deixades a alma cos que non son capaces de poder coidar de si mesmos. Grazas aos que «corredes».