De pais e nais (parte II)

Felipe Díaz "Caxoto" VIVINDO DO CONTO

A MARIÑA

20 mar 2019 . Actualizado a las 11:30 h.

Dicía na anterior columna que xeralmente cando conto sobre igualdade para público infantil gústame que tamén veñan nais e pais. Nesa función interactúo bastante coas nenas e nenos para ver cal é a situación de partida e case sempre queda de manifesto que saben a teoría pero patinan na práctica. Teñen claros os «mantras» do feminismo e se lles preguntas se homes e mulleres son iguais contestan rotundamente que si. Se lles preguntas se homes e mulleres teñen os mesmos dereitos e obrigas contestan rotundamente que si. Se lles preguntas se homes e mulleres poden ter o mesmo traballo contestan rotundamente que si... E así con todo o decálogo do perfecto feminismo. Pero se cambias a fórmula da pregunta e lles pides que che digan profesións de «mulleres», con esa ansia competitiva que dá a nenez levantan a man case sen pensar para contestar: Ama de casa, mestra, modelo, médica... Outra dinámica que facemos é a de representar personaxes que lles suxiro e aí soen saír á luz os estereotipos: As princesas andan a saltiños absurdos, os príncipes andan con seguridade, as meigas andan encurvadas e con xestos maléficos, os magos soltan feitizos con forza e sabedoría, as raíñas entretéñense en lucir imaxinarios vestidos de cola, os reis pisan forte observándoo todo... Cando remata a función é habitual que nais ou pais veñan falar comigo. Felicítanme e despois medio se desculpan polas respostas que deron as súas crianzas; «Na casa dámoslles unha educación en igualdade... pero vese que non chega». E xusto iso é o que pasa. O que actualmente se fai para conseguir a igualdade entre homes e mulleres... non chega!

*Felipe Díaz «Caxoto» é natural de Viladesuso en Cervo e é contacontos.