Sabela ¡¡¡Cantando en galego!!!

Xesús do Breogán OPINIÓN

A MARIÑA

31 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pois si Sabela. Para pasmar, para quedarse asombrado, asi de claro, nos tempos que corren hai que ser atrevida para ir a Operación Triunfo cantando en galego.

Tiveches a ousadía de ir a RTVE e a un programa, que por riba é un programa concurso, e arriscácheste cantando en galego. Cantando nunha lingua depreciada por unha gran parte dos seus propios fillos, e ti chegas a OT como Pedro por su casa cantando nesa lingua.

Nos tempos de hoxe en que os máis finos prefiren cantar en inglés, que no propio idioma de todos os españois, pero é que aquí, é como en política: Todo vale. Imaxínate se somos quixotes, que o Quixote foi escrito por un español. Noutro país non podería ser escrito, porque quixotes só os hai en España.

Fai poucos días, unha rapaza coñecida miña de aquí de Foz, viaxaba nun autobús na Coruña. Ao lado dela ía outra pasaxeira acompañada dun neno que era o seu fillo. A nai dirixíase ao seu fillo falándolle en galego, cando de súpeto un energúmeno comeza a insultar á señora diante de todos, porque utilizaba o galego como medio de comunicación co seu propio fillo. Ninguén dos que ían no autobús se mostrou a favor do energúmeno, pero o lamentable foi que tampouco ninguén defendeu á señora que moi libremente e na súa propia terra falaba o seu idioma. O energúmeno foi recoñecido pola rapaza de Foz, porque ten un piso aquí da súa propiedade, e cando ben a Foz, di que “ya llegué a la aldea”. Claro que non sabe que Foz ten o mesmo título que Madrid desde o día 6 de agosto de 1888, o título de Vila.

A Carta Magna e a riqueza dos idiomas

Tanto as televisións de España, como o propios políticos, eses que tanto se parapetan detrás da Constitución Española, esquecen tódolos días que no artigo 3 da Carta Magna, no punto 3, di textualmente «La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de total respeto y protección».

Dito doutro xeito, que tanto o idioma euskera, como o catalán o galego ou valenciano, son tan españois como o propio castelán. O que non sei é por que non se pode ir a Eurovisión cantando en calquera destes idiomas, pero en inglés si que se pode. Así que, imos fardar e cantar en inglés aínda que o faga fatal, aínda que nin Deus me entenda, porque o pronuncio moi mal e que nin os propios ingleses saiban o que digo.

Noraboa Sabela, fuches a nosa heroína, fuches a nosa Agustina de Aragón ou a propia María Pita ou María Castaña (que esta nos cae máis preto ao ser de Lugo). Non gañaches, pero ao tempo gañaches. España enteira soubo o que nunca soubo, e sóuboo grazas a ti, que en Galicia soan voces marabillosas coma a túa, que non só temos gaita e pandeiro, que temos unha grande riqueza cultural da que moitos estamos moi orgullosos, aínda que de vez en cando, apareza algún que nos saque de quicio.

Nos anos setenta, o emblemático grupo de folk galego Fuxan os Ventos foi invitado por unha discográfica para gravar un disco, pero cunha condición, que tiñan que ser temas cantados en castelán o que Fuxan os Ventos rexeitou. Despois dunha longa negociación entre ambos, a discográfica acabou cedendo e gravárono en galego e resultou ser o disco máis vendido de España. Había que contar coa nosa gran emigración, que ninguén se quedou sen mercar o disco ou cinta de cassette daquela época.

Para rematar, dicirche que che desexo moita sorte, que sei que trunfarás, porque puxeches toda a carne no asador, e unha muller coma ti non pode quedar afastada do mundo do éxito.

Es a nosa heroína, es o noso orgullo, es a nosa fachenda.