Xusto despois do holocausto nazi entre a comunidade xudea (a que viviu para contalo), xurdiu un sentimento de rabia e dor cara «todo» o pobo Alemán. Paralelamente entre a poboación alemán xurdiu un movemento de persoas que se sentían inxuriadas... «hei! que non todos os alemáns somo así» protestaban. «E que fixestes vós para paralo?» A súa protesta era tan absurda que mesmo eles se deron conta e optaron por calar e sufrir a vergoña de que algo así pasase entre «os seus» mentres miraban para outro lado.
O comportamento gregario é un sistema de interrelación cos individuos que nos rodean; «os nosos». É unha ferramenta emocional que dentro dunha comunidade nos dá un sentimento de pertenza. Está composto de empatía, solidariedade, orgullo... Pero debe ser un camiño de dúas direccións. Cando gaña o noso equipo sentímonos partícipes da vitoria aínda que nós estabamos tomando unha caña no bar. Do mesmo xeito, cando perde sentímonos perdedores e esiximos cambios e melloras para que iso non se repita.
Cada vez que violan ou matan a unha muller a resposta gregaria das mulleres é a da rabia e dor. E cal é a resposta gregaria dunha boa parte dos homes? «hei! que non todos os homes somos así» E que facedes vós para paralo? Dáme vergoña como home ver que só vos activades para sentirvos inxuriados e non vervos esixindo os cambios necesarios que axuden a reverter esta situación. Todo o contrario só vos vexo poñendo paus nas rodas.
Cada vez que matan ou violan a unha muller gañan as mulleres o seu dereito a manifestar dor e rabia e perdemos os homes o dereito a sentirnos feridos no noso absurdo orgullo gregario.
*Felipe Díaz (Caxoto) é contacontos, natural de Viladesuso en Cervo.