Isabel Méndez, gerente del Centro Comercial Histórico de Viveiro: «O comercio está unido»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

«Hai que afrontar esta semana con ganas e con forza, e pensar que vai ser boa», di do Black Friday, trala riada

21 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Foi un día de shock, de asimilar o que acontecera no anterior. Porque non estamos acostumados a que nos pasen este tipo de cousas e máis cando houbo que lamentar a perda dunha vida humana. Os danos materiais, tarde ou cedo, acábanse recuperando», di Isabel Méndez, xerente do Centro Comercial Histórico de Viveiro, 24 horas despois de que o comercio viveirense sufrise os tremendos efectos da riada.

-Como foi o segundo día despois?

-De limpeza e intentar salvar o máximo posible nos negocios afectados. A unha gran parte dos asociados non lles afectou e xa onte [por antonte] o seu funcionamento era máis ou menos corrente. Os afectados, con axuda de familiares, veciños, amigos e compañeiros conseguiron ao longo da tardiña ir recuperando a súa actividade. Hoxe [por onte] toca ir valorando todos os danos. Estamos máis ‘‘tranquilos” pero dígoo entre comiñas, se se pode dicir tranquilos... Porque a tranquilidade non se recupera en 24 horas. Toca ir facendo o inventario do material danado, presentar as reclamacións no seguro e ir mirando o tema das axudas.

-Como encaran agora isto, sobre todo na semana do Black Friday e pensando no Nadal xa?

-O comercio de Viveiro ten que estar máis unido ca nunca e a palabra unión cobra máis forza. Temos entre todos que apoiar o comercio local. Temos un comercio profesional que dá un bo servizo, e en pouco tempo están todos funcionando e recuperándose. Se non digo ao 100 % dígoo nun 80 %, porque tamén hai que agardar, segundo os casos. Como moito, darán recuperado parte dos pedidos para a campaña de Nadal, en determinados casos. Cada caso é un mundo [...]. O contexto de agora é recuperarse o máis rápido posible e intentar repoñer para afrontar esta semana con ganas e con forza, e pensar que vai ser boa.