«A afección pode estar tranquila, armaremos un equipo competitivo»

I.MEITIÍN BUJÁN

A MARIÑA

ALBERTO LÓPEZ

Marcos Peña súmase á lista de baixas dun Ribadeo ó que chegarán «cinco ou seis fichaxes», di o seu novo adestrador, Rafa Casanova

11 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece que EN breve comezarán a saír os nomes das caras novas do Ribadeo FC para a nova tempada. E serán unhas cantas, segundo anunciou o seu novo adestrador, Rafa Casanova (Friol, 1982), que chega ao banquillo do Pepe Barrera avalado pola súa traxectoria como futbolista (CD Lugo, Racing de Ferrol, Cidade de Santiago, Vilalbés e Ribadeo) e un absoluto coñecemento do club co que competiu nas sete últimas campañas. Ata o de agora, as novas que chegaron desde a entidade foron as baixas de Vicente, Iván Rodríguez, Jacob, David Rodríguez e Marcos Peña, así como a do propio Rafa Casanova que cambia as botas pola pizarra.

-Moitas baixas e de momento ningunha alta. A afección estará ansiosa de boas noticias...

-Imaxino que si. Pero a afección pode estar tranquila porque armaremos un equipo competitivo. Estamos movéndonos moito e negociando con moitos xogadores e con algúns o acordo está case pechado, se ben teñen contas pendentes cos equipos nos que estaban que necesitan saldar. Ademais, pola situación xeográfica non é doado encontrar futbolistas que queiran vir para o Ribadeo.

-¿Cantas fichaxes cre que serán necesarias?

-Nestes momentos contamos cun grupo de 13 ou 14 xogadores, incluídos os xuvenís que soben ao primeiro equipo, así que o ideal sería incorporar cinco ou seis xogadores novos.

-¿Non se producirá ningunha baixa máis?

-Agardo que non. A estas alturas sería traumático.

-¿En caso de necesidade aceptaría seguir xogando e compaxinar as dúas funcións?

-Non, en absoluto. Ata penso que a nova normativa da federación non o permite.

-Despois de tantos anos no club, ¿non pensou que sería o elixido para relevar a Fiz Rodríguez?

-Non. Para min foi unha sorpresa. Tiña claro que cando me retirase seguiría ligado ao fútbol como adestrador, pero non me imaxinaba que puidera ser no Ribadeo, un dos clubs máIs potentes da Preferente. É unha gran oportunidade.

-¿Imponlle o reto?

-O que máis me vai impresionar será dirixir e dar ordes a futbolistas que ata hai dous meses eran compañeiros.

-¿Cal será o estilo do Ribadeo?

-Un equipo que teña o balón, non que corra detrás del.