Como tería que ser un Plan Forestal

Manuel Marey Pérez

A MARIÑA

23 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A planificación estratéxica forestal está encamiñada a servir como referencia obxectiva das actuacións a levar a cabo nas dúas terceiras partes do territorio de Galicia por milleiros de empresas e centos de miles de propietarios nos vindeiros 15 a 20 anos. O Plan Forestal, ou a súa revisión, non pode nin debe ser un documento exclusivo dun departamento da Xunta de Galicia.

A elaboración deste tipo de documentos é necesariamente coidadosa, complexa e orientada a obter un instrumento útil e aplicable. Na súa elaboración se deben considera tres compoñentes. A primeira a territorial; o sector forestal e o monte en xeral, non permanecen estáticos e desconectados, polo tanto cando se expón a súa planificación a longo prazo teñen que ser revisada outro tipo de figuras como as Directrices de Ordenación do Territorio ou o Plan Director da Rede Natura, entre outras moitas. Aporta moita información a revisión das tendencias na clasificación de Solo Rústico de Especial Protección Forestal que se fai nos Plans Xerais Ordenación Municipal (PXOM) e as alegacións que presentaron os propietarios pois son nestas parcelas nas que se pode e se debe plantar árbores.

A segunda compoñente é a da participación no proceso de elaboración do plan. Existe un acordo xeneralizado en tódolos países forestais avanzados que establece como criterio que a lexitimidade dun plan venlle dada polo nivel de participación e consenso acadado. Existen múltiples métodos para levar a cabo estes procesos participativos, en esencia o proceso de redacción do plan e participación avanzan de xeito paralelo hasta a etapa final de redacción de documento do Plan Forestal.

En ningún caso se entende por participación o proceso no que a Administración elabora un documento cerrado que se presenta o sector e a sociedade para que aporten alegacións que serán ou non consideradas.

A última, pero quizais a máis importante compoñente, é o carácter prospectivo e de futuro que debe ter o plan. Os plans non se elaboran pensando no que queremos, senón que elaboran pensando no que escollemos dentro do que podemos.

O Plan Forestal de Galicia de 1992, era un bo plan para o memento no que se redactou, acadou un alto nivel de consenso, tivo aspectos positivos como a descentralización da Administración Forestal e significou un fito na situación forestal de Galicia. O principal problema polo que quedou desfasado da realidade o pouco tempo de ser aprobado tivo moita relación coas compoñentes antes mencionadas. Era un plan illado, pensando soamente para o sector forestal e non preveu o derrubo da actividade gandeira, preto do 90% das explotacións pecharon.

A participación na súa elaboración limitouse o sector forestal, non tivo en conta a opinión dos gandeiros que unha vez que cesaban optaban por plantar as terras ou abandonalas por falta de alternativas.

O sector forestal adaptouse a cantidade de terras e novos propietarios que se incorporaban e modificou a súa estrutura e presenza no territorio.

A PAC converteuse, sen pretendelo, no principal instrumento para a expansión do monte na comunidade. Todo isto aconteceu independentemente do establecido no Plan Forestal de Galicia que seguía expoñendo un modelo de monte que non existiu.

Necesitamos facer un Plan Forestal que teña unha visión global, conxunta e de futuro.

«Necesitamos un plan que teña unha visión global, conxunta e de futuro»

Catedrático de Proxectos e Planificación da USC