«O Antroido é a miña festa»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O destino fixo que nacera xusto nun domingo de carnaval e foi súa nai a que lle inculcou ese amor por esta festa popular

13 feb 2018 . Actualizado a las 19:49 h.

O destino, a veces, ten estas cousas particulares. Unha das persoas que en Viveiro vive de sempre e con verdadeira paixón a festa do Antroido é, sen dúbida, África Jiménez Díaz (Viveiro, 1950), integrada na Comparsa da ONU que sempre desfila na cidade co seu toque de humor e é fiel ás Alpuxarradas, nacía xusto nesta época do ano: «Foi no 50 e daquela estaba todo prohibidísimo. Eu nacín o domingo de Antroido. E miña nai... morreu no Antroido. E era o que máis nos gustaba ás dúas».

-Que lembranzas ten do Antroido sendo unha nena?

-Levábannos aos Casino vello, onde hoxe está o Conservatorio, e o párroco de San Francisco, Francisco Fraga, penalizaba aos que íamos disfrazados porque dicía que era un pecado. Cando empezaron os desfiles, no 62, eu era unha rapaciña. Non era nin chica nin nena. E como meu pai era fotógrafo, eu seguía o que pasaba no desfile, preparaba as fotos, as despachaba... xa vivía nese entorno. A finais dos 60 ou principios dos 70 empecei a ir aos desfiles. Quitando algún acontecemento extraordinario, fun sempre. Ata un ano, no 96, no que nevara e fixera un frío que o de mañá [por hoxe] non vai ser nada, íamos só seis no grupo, de turistas. Pero pasámolo tan ben!

-A que grupos pertenceu?

-Ao do Conde da Sal e Marqués do Conxelado, porque o pai de Colosía tiña un almacén de sal e Chao tiña o supermercado. Por iso o nome. Levábamos a orquestra Variedades, eles vestidos coma nós. Chegamos a ser 80 ou 100. Sempre íamos moi ben, demasiado ben, moito luxo, moito tal... gastábase moito. No 90 extinguímonos e pasamos a ser a Comparsa da ONU. Chámannos así por Naseiro porque un amigo noso encontrou na mesa xente de todos os sitios menos aos da mesa e dixo: «Esto parece a ONU». Somos xa maiores, unhas veces imos máis, outras menos... depende dos anos.

-É de facer rir no desfile?

-Eu non son cómica nin humorista nin nada. Gústame ir e disfrazarme. Canto mal pero o Antroido é a miña festa. O que non queira escoitarme que tape o oído (ri). Eu pásoo ben!

-Moitas cousas cambiaron ao longo dos anos no espírito do carnaval, verdade? Dende aquilo de que era un «pecado»...

-Cando empezamos a saír no 62, di Carlos Nuevo [cronista oficial de Viveiro] que foi unha época importante porque se permitíu saír en pleno franquismo, xa que Pedro Rouco, que morreu a finais dos 80, cedera uns terreos para o ábside de San Francisco e co permiso del púxose en contacto co gobernador civil de Lugo e deron permiso para facer alí o Antroido sempre que os participantes foran destapados e non meterse nin coa Igrexa nin co Goberno. Entón, adquiriuse a costume de ir así en Viveiro.

-Como ve o Antroido actual?

-O ano pasado dicía a xente que foi bonito, que cada vez é mellor, porque tamén veñen as comparsas e iso dá vida para os que veñen a ver o desfile pero creo que falta a simpatía do Antroido noso, que non era vistoso nin tiña que ser. É máis de parranda. A xente que vén velo e lle gusta ver o Antroido pero non participar, veo bonito. Pero o noso era máis de facer rir e meterse co que pasaba no país. A min nunca me importou ir guapa ou fea con tal de ir disfrazada. Teño ido de todo, guapísima, feísima...

-Nunca se plantexou un Antroido de verán aquí?

-Fixéramos o Rally do Humor, que fora un éxito total a principios dos 70. Viñera Jaime de Mora y Aragón... Sei que se segue a facer un día de disfraces en Covas. Os que están fóra e veñen polo verán preguntannos por qué non volvemos a facelo. Incluso se pensara en retomalo. Non sei se sería o moemento de plantexalo outra vez... (dubida). No verán si, pasábase ben, pero para min o Antroido debe ser na época na que é, nesta época.