«Aquí é chícaro, en Viveiro carneirolo»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Uns 1.220 quilos de berberecho vanse preparar na carpa que abrirá hoxe as portas Foz con motivo doutra edición da Festa do Chícaro

20 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pedro Fernández Manín (Moucide-O Valadouro, 1950) é claro e directo: «Van estar bos! Fixo, seguro». Non dubida nin un chisco á hora de falar da calidade do produto que esta fin de semana se vai degustar na XV Festa do Chícaro que organiza o Concello de Foz e primeira de carácter gastronómica do ano na Mariña

-Dende hai uns anos deixaron de chamarlle Festa do Berberecho para chamarlle Festa do Chícaro.

-O chícaro, entre paréntese berberecho. Chícaro é só na nosa bisbarra. Por iso lle dimos á festa o nome de aquí, como se di en Foz. Sempre se dixo chícaro, excepto en Viveiro e en Ribadeo onde é o carneirolo.

-Cantos quilos encargaron?

-1.220. Son os que dispón a carpa para servir.

-A calidade?

-Moi boa!

-Tocoulle facer a compra?

-Compralos non, pero si probalos. Falta de saber exacto exacto, pero o prezo oscila entre os 6,40 e 6,90 euros o quilo.

-Lembra por casualidade de neno de ir pillalos na ría de Foz?

-De pequenos pilleinos si, pero en Viveiro. Eu vinme a Foz en xaneiro de 1976, dende Santiago.

-Que edición sería esta como concelleiro de Medio Rural e Mar e como veu a súa evolución?

-É a sétima que me toca a min. Dende que eu cheguei, como concelleiro cambiei varias cousas. Primeiro, custa menos que antes a festa en si. Exactamente non o sei pero creo que o presuposto hoxe rondará os 10.000 ou 12.000 euros, cando antes pasaba do 20.000. Con todo, degustación, charanga... Eu véxoa evolucionar ben. A mellor é a colaboración da Escola de Hostalería. É un luxo. Tamén que as empanadas as faga Anduriña, que é unha garantía.

-Cantas festas gastronómicas hai en Foz ao longo do ano?

-Gastronómica que organice o Concello só esta. Nada máis.

-Polo menos axuda a desestacionalizar as actividades.

-Esta é a primeira do ano en Galicia. Xa o dixen na radio.

-Non lle rebatiron a afirmación?

-(Ri) Ninguén me dixo nada.

«Esta de Foz é a primeira festa gastronómica

das que se celebran en Galicia»

«A colaboración da Escola de Hostalería é un luxo. Tamén que as empanadas as faga Anduriña»