«De 10 testamentos, o último é o bo»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O avogado Pablo Álvarez Ramos imparte hoxe unha interesante charla en Burela sobre as herdanzas e os impostos

18 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O momento chegará algún día nas nosas vidas. A morte. É mellor non pensalo aínda pero si que un testamento pode aliviar e moito aos herdeiros. Deixalo feito é o que aconsella o avogado Pablo Álvarez Ramos (Castelo-Cervo, 1983), que traballa a cabalo entre A Coruña e Burela, onde hoxe dará unha charla «pedagóxica e interactiva» sobre o tema, que presenta Burela Dinámica. «Desgrazadamente hai bastante xente que descoñece que haxa consecuencias de non deixar o testamento feito», di. «Non facelo conleva unha serie de contrapartidas e de gastos. O testamento é sinxelo de facer, moi sinxelo. Podes facelo na notaría ou hológrafo, do puño e letra da persoa que testa», engade.

-Hológrafo soa máis a unha costume antigua. Mellor en notaría?

-É máis práctico e mellor pola autenticidade do documento notarial. Acredita que a persoa que fai o testamento é a que dice ser e que ten capacidade para facelo. O outro plantexa máis dúbidas.

-Pero ten validez igualmente...

-O hológrafo tería validez per se, outra cousa é que alguén o queira impugnar. É máis facilmente impugnable que un notarial. E este último, ademáis, non ten un custe elevado. En torno a 50 euros.

-Que problemas podemos evitar?

-Bastantes. Por exemplo, se non facemos testamento e se trata de descendentes familiares de parentesco directo tería que ir a un procedemento notarial de declaración de herdeiros. Evidentemente é máis costoso que outorgar testamento. No caso de que o parentesco non fose directo, poderían ir a un procedemento xudicial de declaración de herdeiros, cos mesmos inconvintes.

-A realidade é que non vivimos eternamente... pero tampouco é fácil pensar xa no testamento.

-Si que é certo que a proxección da morte futura é algo que, con carácter xeral, a xente adoita deixar de lado. Moitas veces, por desidia ou porque non contan con morrer de inmediato, non fan testamento.

-No caso de ter fillos, ve que cambie máis esa mentalidade?

-Debera, sobre todo cando un ten a alguén ao seu cargo. Dalgunha forma é como unha sensación de deber de protección. O testamento é un documento de natureza xurídica que cubre necesidades futuras.

-Ten algunha anécdota en relación con este mundo complexo?

-Por exemplo un señor que outorga dez testamentos, en función das súas circunstancias vitais. O último sería o bo. Ese é un caso real. Outro, un señor cun patrimonio moi elevado, sobre todo en capital líquido, que faleceu e deixou a súa herdanza a súa irma que ten máis de 90 anos e esta renunciou en favor dun sobriño, que era o substituto na herdanza. Renuncia para evitar pagar dúas veces por un mesmo feito e ao tempo negociouse coa entidade bancaria para facer fronte ao pago dos impostos.

-Asturias é das rexións que máis cobra polo imposto de sucesións.

-Sempre digo que hai dúas cousas inevitables nesta vida, a morte e o tema dos impostos. O pago deles é un requisito e en Galicia, dende 2016, temos lexislación propia. Tanto fiscalmente como a nivel de Dereito Civil de Galicia existe a exención para o grupo dous: descendentes e cónxuxe, ata 400.000 euros. Iso implica que teñen que liquidar o imposto pero vailles saír a cero a pagar. O de Asturias é certo. O cobro do imposto de sucesións é unha potestade que está transferida a comunidades autonomas.

-Que tipo de testamento é o que se fai máis habitualmente?

-O usufructo universal vitalicio. Á parella deixas o usufructo e aos descendentes deixas a herdanza. É o máis habitual.

-Abofé que a frase «nós vámonos pero todo queda aquí» é das máis escoitadas nun velatorio.

-Iso é certo. Non levas nada... E no peor dos casos o que deixas queda para a Administración cando se produce renuncia e non hai herdeiros pero a Administración a veces non ten capacidade para xestionar o patrimonio. Tamén existe a beneficiencia, pero hai unha figura xurídica que é a lexítima que di que os herdeiros lexítimos teñen dereito a unha cuarta parte da herdanza, salvo en certas situacións.