«A señora iría envolta nun sudario»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Na tumba da muller localizada nunha escavación nos Castros non atoparon restos de enxoval nin vestidos

07 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Abel Vigo, (Mondoñedo, 1978) dirixiu tódalas escavacións arqueolóxicas impulsadas polo Concello de Mondoñedo desde 2002. Os traballos feitos despois do verán na zona dos Castros permitiron localizar unha necrópoles medieval con unha tumba case intacta do que parece unha muller, e 2.580 obxectos.

-¿Mondoñedo é máis rico arqueoloxicamente que outros concellos da Mariña ou é que aí se atopan cousas sinxelamente porque se preocupan de buscalas?

-Creo que temos moito potencial arqueolóxico, pero non sei dicir si máis que no resto, porque si que acaban aparecendo cousas en moitos sitios. O castro en Cervo, os petróglifos nesa mesma zona, no Valadouro hai un montón de mámoas, o crómlech que comentaban na zona de Barreiros...Moitas cousas si que temos e non todas están publicadas.

-Do que leva feito, cal é o achádego máis importante?

-Hai varios que foron interesantes. En si mesmo é importante o que se fixo aí nos Castros. A nivel de obxectos, un lingote de ouro que se atopou en Zoñán. Nunha intervención puntual na zona de Vilamor apareceu un machado votivo. Está exposto no museo de Viladonga; é unha peza de bronce en forma de machado, de brosa, e na parte do que sería a folla ten adherido unha peza coa forma dun torques (...) é un elemento interesante; non é un elemento funcional, de uso práctico, é un elemento de adorno, pero non sabemos exactamente o que (...). O menhir que catalogamos no medio da Toxiza tamén é interesante, deses aquí practicamente non hai. O crismón atopado nos Castros, paréceme moi interesante atopar aquí ese símbolo paleocristián e a necrópoles medieval coa tumba desa señora case intacta (...).

-Non había vestixios nin noticias de que existira alí esa necrópoles ¿Quen se supón que estaba enterrado alí?

-Todo o mundo, entendo que as clases populares. Pero non podemos facer unha precisión moi grande, porque ó non ter enxoval non sabemos da riqueza da persoa. Entendemos que ó non ter enxoval é un enterramento cristián, aí en parte igualábanse todos. Como están na tumba dun burato non sabemos que clase social podía ter.

-¿Ían á tumba en caixa, envoltos en algo?

-En sudario. Esta señora, tal como apareceu, co nivel de conservación que tiña, cremos que estaría en sudario, porque se fose vestida quedarían restos dos ferraxes da vestimenta, a fibela do cinturón, que si enganches; si tivese nunha caixa, a caixa hai que cravala e non quedaba nada, so apareceu o esqueleto.

-¿Quen vivía daquela en Mondoñedo?

-Probablemente os mesmos que 500 anos antes vivían no castro, poboacións locais. Mondoñedo como concello te continuidade de asentamento desde moi antigo. Fálase que na Cova hai restos paleolíticos; é unha opinión que nos deu o antropólogo que o estudou, José Carro Otero. Desde logo, na área do Xistral temos documentados asentamentos de varios miles de anos atrás. Se atendemos a Carro Otero, os máis antigos son os de Rei Cintolo. Dende aí, máis ou menos, polas áreas do Concello, hai asentamentos. Enterramentos neolíticos (mámoas, menhires), que nos levan arredor dos 3000 a. de C. Pero non eran asentamentos estables porque non vivían un punto, senón que tiñan un territorio polo que se ían movendo, ían cazar. Despois, dende o mundo castrexo, xa todo é máis continuo. Zoñán está habitado desde a época do bronce. Non sabemos o límite máis antigo que temos nos castros de aquí de Mondoñedo, pero dende logo hai un asentamento castrexo, e esa xente leva en Mondoñedo dende finais do S.II-S.III d. de C. e dende aí Mondoñedo funciona e o habitan as poboacións indíxenas que andaban por aquí dende antigo. ¿Quen vivía na época medieval? Pois a mesma xente. ¿Quen vive hoxe? Pois iso descendentes das poboacións locais que ocupan o territorio dende moi atrás.