A ilusión de centos de nenos


Somentes a través das lembranzas dun neno se podería explicar en toda a súa dimensión o que a Banda de Música de Viveiro significa colectivamente para todo o noso pobo. Fumos centos, cando non miles, os nenos viveirenses os que, ao longo deste século, pasamos polas súas filas. Con oito anos escomenzábamos na academia a nosa formación, e tras dous cursos de estudos de solfeo e introdución ao instrumento, chegaba o momento do Debut; e escríboo con maiúscula deliberadamente, xa que é indescriptible a sensación de nerviosismo e responsabilidade. O Debut viña precedido dun verdadeiro ritual: o director comunicáballe ao neno que na próxima Semana Santa tocaría por primeira vez; logo íamos ao cuarto dos traxes e buscábase un (usado por suposto) da talla axeitada, e se non o había, tocaba ir á xastrería do Curiña a facer un novo a medida. Todo era novidade e excitación. E chegaba o domingo de Ramos, e mortos de medo e nervios agarrabamos con todas as nosas forzas aqueles instrumentos destartalados, formábamos nas filas do centro (polas de fora ían os veteráns para “tapar” os nosos pitidos e desafinacións), mirábamos á fronte, metíamos o instrumento na boca, o director alzaba a batuta e……

Xusto nese intre, cada un desos centos de nenos que algún día debutamos na Banda de Música, poñíamos sobor dos nosos hombreiros o peso da tradición, de engrandecer cos sons dalgunha marcha de procesión as centurias da nosa Semana Grande, de manter vivo o traballo pretérito doutros centos de nenos que despois se convertiron en veteráns ou en músicos de amplo recoñecemento. E as nosas familias e amigos vivíanno con idéntica ilusión e nerviosismo. E por eso, porque case todas as familias viveirenses teñen ou tiveron ao longo deste século de historia algún membro na Banda, e viviron ou viven esa ilusión, porque tantas veces a viron desfilar na súa Semana de Paixón, porque tantas veces escoitaron os seus acordes na Praza ou no Teatro, por todo eso forma parte indisoluble do patrimonio cultural de Viveiro. E probablemente tamén por todo iso, é sentida coma propia por todos, como o é a nosa Praia de Covas ou o noso Castelo da Ponte.

Por Santiago Noriega Directivo Banda de Música O Landro

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A ilusión de centos de nenos