«A lectura é un vicio pero dos bos»

Varias citas culturais da Mariña esta semana están ligadas ao Día da Biblioteca


foz / la voz

Dende hai 20 anos, cada 24 de outubro, conmemórase o Día da Biblioteca. É unha data que non pasa desapercibida na comarca da Mariña, e máis sabendo que a presidenta da Asociación Profesional de Bibliotecarios de Galicia dende 2010 é a focense Chus Álvarez, á fronte tamén dunha das primeiras bibliotecas públicas municipais que se abrían, en 1965, na comarca da Mariña.

-No seu caso, pasa o de «en casa de ferreiro coitelo de pau»?

-Non, na biblioteca agora hai preto de doce mil libros e na miña non teño sitio xa para os meus. A veces por defecto profesional, un compra xoias ou baratixas... Eu, compro libros.

-É un «vicio» para vostede?

-Si, a lectura é un vicio dos bos.

-Ten fillos aos que poidera trasladarlles esa paixón lectora?

-Non, pero si teño sobriña e énchoa de libros. Uf... ata ten a súa pequena biblioteca! Os que lle regalo están dedicados por min, con algunha anécdota do que pasa no libro ou un debuxo.

-Se algo hai que valorar dos nenos é a súa gran imaxinación.

-Si, e tamén sorprende a facilidade que teñen para absorber esa cantidade de información en pequeno formato.

-Hai libros da literatura infantil que son verdadeiras obras de arte.

-Non só en Galicia, en España e en Europa tamén. Hai premios que o certifican.

-Que tipo de público adoita poñer o pé na biblioteca?

-Hai de todo. Hai moito público infantil e de adulto para préstamo. Onde temos baixada de lectores é na adolescencia e na mocidade, que so hai préstamo de libros que mandan ler en institutos e colexios ou ao mellor son libros de moda como Juego de Tronos. O baixón nesa idade é importante. Ao mellor é culpa nosa, que non sabemos actualmente como achegarnos a eles... Pero tampouco o libro electrónico, que podía ser unha maneira de enfocar nova sobre como atraelos, parece que tampouco funciona.

-O ebook funciona na biblioteca?

-Si temos pero case non se presta e non sei por que. A xente segue preferindo ler n papel.

-E vostede, que prefire?

-Si, en papel. Tamén por unha cuestión de vista.

-Como ten a súa?

-Vouna perdendo, será pola idade. A min gústame o tacto de papel, ter o libro na mesiña de noite... eses hábitos. Eu non teño tele na habitación. A veces les media hora; outras veces estás tan cansa que les dúas páxinas. A salientar tamén, outro modo de lectura é o consumo de xornais na xente de maior idade. Aumentou moitísimo na biblioteca... A veces ata hai cola!

-(Bromeo) Pelexan pola Voz?

-Si, por todos. Iso notouse. Veñen pola mañá e pola tarde.

-Volvendo á mesiña de noite, que libro ten agora alí?

-Patria, de Fernando Aramburu. Estame gustando.

-Cantos adoita ler ao mes?

-Depende das temporadas. Collo bastantes da biblioteca. Entendo que o IVE do libro para un lector habitual supón un gasto importante. Hai o libro de bolsillo pero as novidades que queres saen moito despois do libro libro, como ocorre cos Planeta.

-A xente lectora, tamén le o que se leva «de moda»?

-Moitísimo. O que máis publicidade ten é o boca a boca.

-Por certo, cantos socios son hoxe en día na biblioteca focense?

-Temos 1.900 usuarios inscritos pero reais temos moito menos.

-Pasará como co ximnasio, que te fas socio, si, pero non vas.

-Exactamente. Cando están estudando si. Tamén notamos moito novo usuario de segunda residencia porque a xente que vén da cidade está máis acostumada a este tipo de servizos.

-Coa crise, ve que aumentara o número de usuarios de biblioteca?

-Si, pero sobre todo polo servizo de Internet e Wifi gratuitos. Iso si que aumentou.

-Teñen colgado o mítico cartel de «silencio, por favor»?

-Non, na biblioteca pública de Foz non o temos. Pódese falar nela pero en baixiño. Ante a avalancha de oposicións que hai agora de emprego público, ás mañás si que hai moita xente que está estudando. Pola mañá non veñen os nenos, si pola tarde. En salas como a nosa a veces hai algo de conflicto pero o servizo de biblioteca non é so unha sala de lectura, senón que ofrece moitos outros servizos e hai que compaxinar nese sentido.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A lectura é un vicio pero dos bos»