axoto, Yumita e eu pasamos o verán nos cines para poder contarlles unha historia do cine e o audiovisual en Mondoñedo alimentándonos exclusivamente de flocos. Eles dous xa tiñan ganas de que chegara este momento: o remate desta serie, que cadra coa fin da estación de estío e coa celebración da XXXIX Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo.
Percorremos moitas salas ao longo da provincia, ben moitas non porque xa non quedan. Monforte, a capital, Viveiro e Ribadeo son os únicos concellos nos que a día de hoxe continúan a exhibirse películas en salas comerciais, pero tamén pasamos polo “Cinema Palleiriso” de Chantada e por todos cantos lugares proxectaron películas, moitas delas ao aire libre.
Dous locais
En Mondoñedo funcionaron dous locais como cines comerciais: o Salón-Teatro do Casino que albergou as proxeccións ambulantes que chegaron á cidade a fins do século XIX e tamén o “Cine Galicia”, dos empresarios García e Lombardía (na segunda década do século XX) e “Principal Cinema” que puxo a funcionar o empresario Telófilo Arias en 1924 e que axiña pasaría a rexentar Justo Gómez. A mediados do século pasado (1942, segundo fontes orais ou 1946 segundo o Inventario de cines do Ministerio de Cultura de 2016), Ángel Castañal converteu o salón de actos da Sociedade de Obreiros no “Cine Pacheco”. Esta sala estivo en funcionamento ata o 28 de novembro de 1964. Cinco anos despois tamén pasaría a chave de maneira definitiva o “Principal Cinema”.
Despois do peche das salas comerciais, a maxia do cine continuou en Mondoñedo en lugares como o Seminario, o Instituto, os baixos da Praza de Abastos e tamén en proxeccións ao aire libre. A mediados da década dos oitenta, pouco despois de constituírse legalmente a asociación cultural “Leiras Pulpeiro”, que contaba cunha sección de cine coordinada por Víctor Vila, púxose en marcha un cineforum que estivo activo entre o ano 1985 e 1987.
Pasaban películas alternativas de temáticas que xeraban debate. A fornecedora era unha distribuidora santanderina e entre os títulos que se proxectaron están “Face to Face” (1976), de Ingmar Bergman; “Janis, The way she was” (1974), un documental sobre a cantante; “Uccelacci e uccelini” (1966) e “Il Decameron” (1971), de Pier Paolo Pasolini.
Os pases tiñan lugar no salón do Instituto “San Rosendo” e empregábase un proxector deste centro que non estaba en moi boas condicións (en ocasións fallaba a imaxe ou o son), debido a estes problemas técnicos e ante a imposibilidade de reparar a máquina ou facerse con outra deixouse esmorecer esta iniciativa que contou con bastantes seguidores.
Que pasará co cine en Mondoñedo? O tempo o dirá. Polo de agora estamos á espera de que se inicie a rodaxe de “Arima” prevista para o vindeiro mes de novembro. O Outeiro de Mondoforte continuará, se non hai novidade, con outras historias.