«Sigo sentíndome un debutante»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME F. RAMALLAL

Hoxe presenta «El libro de Jonás» na feira literaria viveirense, que visita cada ano

14 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Pernas (Viveiro, 1952) pecha a xira promocional de El libro de Jonás no Viveiro que é a alma xeográfica do escritor viveirense pero imaxinaria se dicimos Vilaponte. A cidade que o viu nacer protagoniza tantas páxinas escritas do seu puño e letra...

-Ten algunha débeda con Viveiro?

-Si, a débeda dos afectos, a débeda da gratitude dos meus lectores que forman unha piña moi importante en Viveiro, onde son ben acollido. Despois xa de dez novelas, sigo sentíndome un debutante. Porque conseguir que Vilaponte sexa un imaxinario, que teña a Viveiro como referente, para min é emocionante máxime cando xentes que viven en Barcelona ou en Ciudad Real veñen a Viveiro buscando Vilaponte. Dicía a escritora Julia Navarro que o que máis lle apetecía era coñecer o Vilaponte real, os paseos, a Praza Maior onde escribo no libro... Moita xente veu ex profeso a Viveiro para ver o meu itinerario literario.

-En que punto está a triloxía?

-Remátoa cun libro que estou escribindo agora, que se vai chamar El libro de los adioses. A triloxía medra conmigo. As personaxes chegan a ter a idade crepuscular que xa teño eu. Empezamos de novo e medramos xuntos. É unha triloxía onde hai un paralelismo real da xente maior, que está moi alonxada da narrativa contemporánea porque ningúen escribe dos vellos. Porque os vellos non teñen quen lles escriba... memorando a García Márquez.

-Afonde en El libro de Jonás.

-É unha homenaxe de gratitude á xente da miña xeneración, os rapaces que fomos felices ata que tivemos dez ou once anos e viviamos nun país distinto, nun pobo marabilloso que se chamaba Viveiro e eu chamo Vilaponte. Eu tiña a obriga de escribir con eles, por eles e para eles. Entón, o libro empeza cun suceso dun rapaz ao que lle disparan a varilla dun paraugas e lle quitan un ollo. Ese ollo vive permanentemente, ve todo... É un ollo máxico.

-Por que se ve un «debutante»?

-Cada día novo é o primeiro. A ser escritor apréndese cando tes unha aceptación plural, unha crítica máis ou menos unánime e uns lectores fóra do círculo directo. Por exemplo, o meu libro anterior, Hotel Paradiso, publicouse en Italia no mes de xaneiro creo e tivo unha acollida excepcional de crítica e de lectores, nunha editorial de culto que se chama La Lepre e presenteino en xuño en Nápoles e tiven críticas excelentes en Corriere della Sera. Presentouno Filippo La Porta, crítico literario. Ademais de contentarme, suliña unha traxectoria literaria que ratifica toda a aposta dos dez libros. Tamén son un autor con sorte e con premios importantes como o Ateneo de Sevilla, o Emilio Alarcos, Letras de Bretaña ou o último, o Azorín.

-Ebook versus papel.

-Non me importa o soporte. O soporte é o de menos. Son un home do seu tempo. Utilizo as novas tecnoloxías, porque é un incremento de información. Pero o libro en papel é un produto sagrado. Nun ebook non podes abrilo e atopar un trébol de catro follas que gardaches de cando te namoraches por segunda vez. É unha diferencia substancial.

-Como herdou toda esa paixón?

-Meu pai era un home ilustrado, un lector case profesional. Tocaba as disciplinas básicas do panteón cultural. A min non me esixiu nada pero aconselloume moitas cousas. Eu son un home, como digo, encuadernado. Vivo co libro, no libro... con todas as preposicións. Dende moi novo fun un lector canónino, lin sistemáticamente literatura francesa, inglesa, galega importante coma a Cunqueiro... e fun e son feliz cos libros. Aprendín a escribir e ler cando aprendín a soñar(...) Son un produto do que vin, do que escoitei e do que soñei. Sigo sendo un rapaz de pobo, para ben e para mal. Teño unha cultura de pobo, que non pueblerina, e que levo sempre conmigo. Ademais, teño unha ventaxa que non ten case ninguén, que eu artello o pobo ao meu antoxo, cambio as rúas, o nomenclátor, achego ou alonxo o mar... Teño o mellor instrumento do mundo que é a maxia da palabra e da literatura.

-Viveiro, é a súa musa eterna?

-Si, Viveiro é a orixe e o destino.

-O seu último libro de cabeceira.