«Nos alcumes de Foz hai toda a fauna imaxinable: curriolos, o búfalo, o calderón, o miñoco...»

O mestre focense fala esta tarde nas Xornadas de Historia Local, que organiza A Pomba do Arco


foz / la voz

Sendo un rapaz, con 23 anos, Ramón Eiras regresou a Foz cunha carreira feita e comezou a traballar de mestre no Martínez Otero. Pasaron xa máis de 30 anos. E daquela empezou con un traballo, unha afección, por estudar e recompilar o vocabulario propio, particular, de Foz. As fontes foron as xentes, os rapaces que falaban no colexio, os veciños, as familias, os avós, a quen escoitaba en conversas e de quen collía verbas e expresións que ía anotando. É tamén a literatura local. Froito do seu entusiasmo é a recompilación de uns 500 alcumes ou xentilicios polos que son coñecidos as familias de Foz; máis de mil palabras, que estudou, e preto de 200 expresións. De todo elo falará hoxe pola tarde, a partir das oito e media, na Casa da Cultura de Foz, na segunda das conferencias das Xornadas de Historia Local que organiza A Pomba do Arco.

Os alcumes teñen procedencias diversas: «Os animais, os peixes ou ás arbores. Tamén dan conta dos destinos migratorios dalgúns membros da familia, así contamos co Cubano, Habana, O Francés, sendo tamén numerosos os que dan conta das profesións dalgúns dos seus antepasados, mesmo lembrando a profesións xa desaparecidas como Os Canteiros ou os da saiñeira, referido a produción do sain, unha grasa que se extraía dos peixes e que era utilizada como combustible».

«Onde máis se daba o de alcuñar era na zona de beiramar, na da ría, no Campo da Cabana, o porto... porque gustaban de poñerlle alcume ó nome, facendo referencia a características persoais de cada un. Así tes toda a fauna imaxinable, empezando xa polo bicho, tes tamén o búfalo, o calderón, as conexas, os curriolos, o cuco, a formiga, o gato, o gorrión, o miñoco, nomes de peixes e artes pesqueiras son moi típicos... despois hai moitísimos topónimos, da procedencia da xente a quen lles quedaba o nome. Temos un Burela, Brasil, laredano, zamorano, Rusia, o francés, o cubano, Habana... E despois tamén están as onomatopeas, dende un pitinglis, porque falaba en inglés, ata un tal zazarazá, que era un tatabello. Temos un chischás, porque tiña un tic nos ollos e alumaba como unha farola, e tamén os alcumes sexuais. Pero quizais o que máis me chamou a atención foron os alcumes procedentes de América; un lemeño, de Lima; un Juan pirulero, de Perú; temos unha mucama, que é a criada en Cuba...», explicou Eiras.

Entre tanto onde escoller di que non ten especial predilección por algún: «Non sabería dicir». É segue, día a día, na súa labor: «Gústame. Onde vou tomar café hai moito mariñeiro e gústame escoitalo, aprender cousas. Entusiásmame cando falan, e sego recollendo cousas, xiros, expresións, verbas».

E iso que a tradición de alcuñar estase perdendo: «Certo, porque está mal visto. É lóxico. É un síntoma de educación. Pero a xente que os conserva non lles parece mal. Moitas familias se coñecen máis polo alcume que polos apelidos. De feito hai guías telefónicas locais que se fan así, cos alcumes, para que a xente saiba mellor a quen se refiren».

O seu traballo é, sen dúbida, publicable. «Penso en facelo, pero cando o teña todo máis elaborado”. De todo isto falará hoxe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Nos alcumes de Foz hai toda a fauna imaxinable: curriolos, o búfalo, o calderón, o miñoco...»