Os comités de Alcoa e das súas auxiliares esixen máis seguridade tras os dous últimos accidentes laborais
01 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Os comités de empresa de Alcoa e das auxiliares, Reymogasa, Cotelsa, Cyrgasa, Noguera, Rodabell, Jofrasa, Terpil, Tecresa, Maesa, e Mayco remitiron un comunicado de prensa no que piden e esixen máis seguridade, a raíz dos dous últimos accidentes laborais no complexo.
«Queremos denunciar a actual situación de inseguridade e medo na que se traballa», explican. «Queremos facer saber que nos dous accidentes a causa raíz está en que se prioriza a produtividade (máis produción con menos horas de traballo), por riba de calquera outra consideración, en especial da seguridade», sinalan.
«Menos persoal e máis carga de traballo e ademáis á carta. O que antes se facía en 15 días e con 20 persoas, agora faise en 3 días e con 10 persoas en xornadas de 16 horas ou máis. E mentres se saltan as normas, os responsables de Alcoa miran para outro lado», apuntan.
«Que facía unha ponte grúa de 200 toneladas traballando cun mantedor revisando nos raís ao mesmo tempo? E no caso de Alúmina, por que unha válvula montada fai máis de 5 anos non foi pechada e consignada por non estar recollida en ningún plano? Conclusión, sinxela: por que primeiro é a produtividade e os que traballamos a diario en San Cibrao sabémolo ben», insisten os representantes dos comités.
Conclúen: «Esiximos da dirección, última responsable da seguridade no complexo, que deixe de arriscar a vida dos traballadores para producir o aluminio un céntimo máis barato».