«Este recoñecemento é un subidón»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

nordés

Hoxe recibirá en Madrid este galardón que se concede a nivel europeo

12 may 2017 . Actualizado a las 14:26 h.

Hoxe, a deseñadora mindoniense afincada en Foz Reme Espantoso ten unha cita moi especial. En Madrid vai recibir a Medalla de Ouro do Foro Europa, que se concede polo «prestixio profesional» do galardoado. Neste caso está máis que merecido, vendo o excelente traballo que sempre rodea aos seus traballos, dunha calidade máxima que agora é recoñecida a nivel europeo.

-Cando saíu da escola Goymar, non a chamarían os de Zara?

-Bueno, a directora da escola Goymar propuxérame ir a entrevistas de Zara pero eu declinei porque sabía que me ía acomodar e a miña ilusión era empezar a dar pasiños pola miña conta.

-Entre outros, o seu traballo máis coñecido é o que se refire a traxes de época. Como empezou dentro dese estilo en xeneral?

-O primeiro que fixen foi un traxe de noiva en encaixe para unha veciña. Ao mes e medio xa creei o meu, para casarme eu. Foi o máis difícil, si. A partir de aí empezaron a chegar máis encargos, novos clientes, o boca a boca...

-Moi boa publicidade!

-É a mellor.

-Que valores profesionais defendeu sempre e que poderían ser a razón deste premio?

-Eu pregunteille ao fundador de Foro Europa... ‘Por que eu?’ Ao principio cando me chamaron para dicirmo pensei que se trataba dunha broma. Díxome que en días posteriores recibiría unha carta e que se poñerían de novo en contacto comigo. Cando a recibín, pensei ‘será verdade!’. Díxome que porque traballaba cunha calidade alta que se percibía nas fotos, un bo acabado, diferente, innovador...

-Algúns parecen para reis.

-A min encantaríame vivir na época medieval con eses traxes!

-A ver se a vai chamar Letizia...

-Iso (sorrí)...

-Como valora esta medalla dentro da súa carreira e traxectoria?

-Que che recoñezan o teu traballo, os pasiños que vas dando día a día, pouco a pouco, sabendo que as túas orixes son humildes, unha medalla de ouro deste prestixio é todo un impulso.

-Un subidón, como se di hoxe.

-É subidón, si. Pero tamén espero que non me despegue os pés da terra, que non me cambie, quero seguir sendo a mesma...

-Como leva os nervios de cara ao acto de entrega en Madrid?

-Estou atacá!... como diría un andaluz. Estes días estiven entregando os traballos que tiven pendentes pero custábame centrarme. É que aínda non mo creo! Mándanche a lista de personalidades que o recibiron e dis ‘que fago eu no medio deles?’ Algúns que o recibiron foron o director da revista Hola, o conde de Güell e marqués de Gelida, un oncólogo da clínica Quirón...

-Como lle gusta traballar?

-Eu non traballo sobre bocexo. Primeiro elaboro unha base ben confeccionada, con acabados impecables e vou engadindo a medida que vai necesitando a prenda. Salvo que unha clienta mo pida e queira ver algo gráfico, traballo sobre a marcha. Coido que a confección, os acabados e o patrón sexan impecables.

-O traxe máis caro que fixo.

-O meu de noiva, en lino de tear e abrigo en crochet, valorado en 6.000 euros.

-O último desfile en Mondoñedo fora moi especial para vostede

-E tamén a gala de Vigo.

-Pois coa cantidade de festas históricas que hai agora, atopou un filón a nivel creativo.

-É impresionante a cantidade de festas históricas que hai ao longo de España! Incluso a Escocia e Portugal mandei traxes. Pero ademais dos traxes de época tamén fago comuñón, noiva e bautizo, en liño e seda. Está todo etiquetado como Artesanía de Galicia. Belinda Washington, Silvia Fominaya e Lucía Pérez foron das VIP que luciron meus modelos. Pero para min a maior satisfacción é cando recibo o «ok» dos clientes cada día.