«Volvemos ser un equipo unido á grada, como nos vellos tempos»

A MARIÑA

O futbolista burelense cre na permencia do Pescados Rubén e considera «un éxito» a resposta da afección

17 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Conta Iago Míguez que dende pequeno, «cando vía ao Cefire en Vista Alegre», soñaba con defender ao seu pobo ante os mellores do mundo. Tal vez por iso nin quere oír falar de que pasaría se o Pescados Rubén-Burela descende: «Estou seguro de que non pasará». E tal vez por iso, aínda con molestias quixo contribuir a vitoria do venres ante o Zaragoza (5-0). «Era un partido que tocaba xogar aínda que fose coxo», di.

-Despois de gañar ao Zaragoza, son optimistas?

-Foi un impulso moi importante pola permanencia, pero hai que ter os pés da terra. Quedan dous partidos nos que hai que ir a morte para quedarse en Primeira. Somos conscientes de que nos xogamos moito.

-Pero xa estiveron bastante peor...

-Aquela xeira de 12 derrotas fíxonos moito dano. Houbo moitos partidos nos que puidemos sacar algo, pero estabamos tocados mentalmente. Logramos sair daquilo, e agora estamos competindo, tratando de levar a iniciativa desde o minuto un de cada partido, e, sobre todo, sendo sólidos na casa.

-E agora ElPozo, poden sacar algo?

-Miramos os resultados dos demais, por suposto, pero temos que pensar en nós. E claro que ElPozo é un equipo doutra liga, pero se facemos as cousas ben, se defendemos como contra Zaragoza, imos ter opcións. É imprescindible non cometer erros e ser efectivos en ataque. Un punto pode valer ouro.

-Pero o partido marcado en vermello é o do Levante, non?

-O lóxico é que ese partido determine todo, pero de gañar en Murcia chegaríamos a el con moito adiantado. Primeiro temos que pensar no venres, se despois temos que xogarnos todo a unha carta co Levante farémolo e darémolo todo por quedar en Primeira.

-Co Vista Alegre tan metido como ultimamente teñen moito adiantado.

-É de agradecer. Burela sempre responde nos grandes momentos. E contra o Levante estarán de novo, seguro. Se algo bo hai nesta situación é que volvemos ser un equipo unido á súa grada, como nos vellos tempos. Fixemos un chamamento desde o club, tamén os xogadores, e a xente de Burela e da Mariña respondeu con creces, está demostrando que lle gusta o fútbol sala e que quere ao seu equipo na elite. Contra o Levante seguro que Vista Alegre vai quedar pequeno, e que iso estea ocorrendo é un éxito.

-Non adestrara en toda a semana, pero estivo o venres...

-Tiven unha pubalxia, probei no quecemento contra o Zaragoza e notei algunha molestia, pero xogabámonos todo, había que forzar. Era un partido que había que xogar aínda que fose coxo. Nesta situación todos e cada un de nós somos imprescindibles.

-Son moitas lesións este ano.

-E ademais foron baixas de xogadores importantes, puido prexudicarnos. Pero iso tamén lle deu a oportunidade de remontar aos chavales da canteira que queren minutos e son válidos.

-Como é esta situación para os burelenses do equipo?

-Para min é un orgullo defender as cores do meu pobo. Dende pequeno, que viña ao Vista Alegre ver o Cefire, soñaba con isto, con ter a oportunidade de defender Burela ante os mellores do mundo. Xa non como xogador, senón como veciño, quero ao Pescados Rubén en Primeira.

-Moitos se preguntan que pasará se descenden. No vestiario tamén pensan nilo?

-Houbo xente que me preguntou pola rúa que ía pasar. Non penso nilo, porque estou seguro de que non imos descender.

fútbol sala