«En Burela tratáronme sempre moi ben, sobre todo tomando algo tras actuar»

Iván Díaz Rolle
IVÁN D. ROLLE BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Contará as desgrazas dun personaxe clásico e «exclusivo», que nunca estivo na tele

13 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O reputado humorista e showman Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) trae este sábado 15 de abril o seu monólogo «Manolo Lojo» á Casa da Cultura de Burela. Aínda poden mercarse as entradas en ataquilla.com para un espectáculo que comezará ás 20.15 horas.

-Aínda non hai moito que estivo en Burela...

-Eu creo que non. Estivemos o ano pasado con «Amigos» e a final de ano co «Monólogo do imbécil».

-Que tal o tratan aquí?

-Moi ben. Sobre todo tomando algo despois de actuar. Son xente moi acolledora, aquí. Non paro despois do espectáculo moi a miúdo, pero nos bares, en Burela, é distinto. A xente é cariñosa e amable. E aínda que a través da tele estea todas as semanas nas súas casas, agradécese porque en realidade non me coñecen de nada.

-E que trae de novo agora?

-Levo o monólogo de «Manolo Lojo». Creeino xa hai tempo, haberá 10 ou 12 anos, e recollino de novo hai dous ou tres para volver a facer cousas en solitario. E está funcionando moi ben, porque está moi de moda. É un tipo que fala do mal que che pode chegar a ir na vida. E a día de hoxe a todo dios lle vai mal, coa crise e non sei que... A xente está contenta porque peor ca este non lle vai a ninguén.

-Non se desgastan cos anos estes papeis?

-Eu creo que non, que volve estar de actualidade. A xente queixase por como lle vai a vida, e Manolo Lojo conta a súa e demostra que peor ca el non lle vai a ninguén, e aínda así segue sorrindo. Por iso tamén é un rollo positivo, é a mensaxe que transmito. Aparte que tampouco é teatro, é distinto porque é un espectáculo que naceu nos bares, de raíces nocturnas, entre cubalibres, daquela que se poidía fumar nos locais.

-Tras tanto tempo, acaba sentindo os problemas de «Manolo Lojo» como propios?

-Supoño que si. Todos os que fago, que xa son uns cantos, teñen algo de un. Agardo que neste caso, en «Manolo Lojo» haxa poucas cousas miñas. Só a cara, e o físico, e a forma de contar as cousas. Do resto eu tiven bastante máis sorte na vida.

-Parece que este personaxe lle gusta ao público. Tamén é dos seus favoritos?

-Si, porque levo moito tempo con el, e me acompaña nun formato que me gusta moito, do que saín, dos bares. Cáeme ben. E ademais ten ese punto de exclusividade para estes espazos ao non sair nunca na televisión.

-Non o veremos nunca na tele?

-Estase reservando para unha ocasión especial.

-É un dos cómicos máis queridos en Galicia agora. Séntese como tal?

-Pois como dicía o antigo rei, «con orgullo y satisfacción». A gran maioría da xente dáme moito cariño, e iso é froito do meu traballo, de facer que pasen un bo rato, no Land Róber, ou nestes espectáculos. É moi chulo sentir todo de volta. Hai momentos nos que tes menos ganas de rir ou de facer unha foto, claro, pero é bonito que che dean cariño polo traballo que fas.

-Non lle falta traballo. Está canso?

-Por fortuna teño moitísimo traballo, pero eu agobiome máis se non o hai que se hai de máis. Claro que ás veces acabo canso, pero eu non poido queixarme de nada, son un privilexiado. Dicíanme que xa descansarás cando morras, mentras, vaille dando. O duro é levantarse ás sete da mañá e ir ao mar, como tanta xente de Burela, por exemplo.

«Este papel transmite un rollo positivo. Peor ca

el non lle vai a ninguén e sorrí»

«Levar a Manolo Lojo á televisión? Estouno reservando para algunha ocasión especial»