No ano 1976 a Cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago, dou ao prelo no selo da Editorial Galaxia o volume “Prosa Galega,1. Desde os primeiros oitocentistas ao grupo Nós”, cun limiar sen asinar, pero que resulta prudente atribuir ao catedrático titular, Ricardo Carballo Calero. Trátase dunha escolma de textos en prosa, que abranxe desde os comezos do século XIX, tal e como se indica no propio título, e que comprende sesenta autores. Pois ben, o apartado IV dedicado a “O Rexurdimento: compañeiros e sucesores”, comeza cun pasaxe do ribadense Justo Pico de Coaña (1821- 1905), tirado do tomo III da revista “La Ilustración Gallega y Asturiana”, número 21, correspondente ao 28 de xullo de 1881.
A carta do profesor Carballo
En tempos relativamente recentes (1989), e con ocasión da XX Feira do Libro Galego, que organizaba a Agrupación Cultural Francisco Lanza, o profesor Carballo enviou un artículo que titulou “Carta a Bastián da Pallarega”, unha suposta misiva dirixida a esa hipotética persoa por un tal Fuco da Cabandela, que agacha tamén a Pico de Coaña, e que lle escrebe ao seu suposto amigo, emigrado en Boston, nos Estados Unidos, que segundo propia indicación, redacta no “subdialecto de la costa de la provincia de Lugo, entre Vicedo y Burela”.
O profesor Carballo, estuda o texto desde o ponto de vista lingüístico, coa amplitude e o rigor que lle son característicos. Anota, primeiramente que o apócrifo autor da carta ?Fuco da Cabandela-- pola estrutura do seu nome pode ser labrador ou mariñeiro, aínda que nós coidamos, que cómpre reparar na posibilidade de que sexa un parónimo de Cabanela, un dos bairros orixinais de Ribadeo.
Mais aparte dos aspectos filolóxicos do texto, que o autor asina en Viveiro en maio de 1881, céntrase en fornecer información ao seu amigo Bastián daquela parte da comarca que, ademais da cidade do Landro abranxe desde O Vicedo a Burela. Por outra banda, resulta atraínte do ponto de vista sociolóxio, xa que aporta unha visión ?a súa- dunha bisbarra galega, tanto a respeito da zona rural como da urbana. Trátase dunha materia hoxe estudada por varios autores, aínda que no texto o interese reside no seu carácter testemuñal.
Ao falar da situación económica di que “muitos rapaces fuxen a traballar para América, i aforrar do que gañen, para axuda de seus pais, para débedas e para ter facenda de seu”. Mais adiante traza unha posible alternativa, porque si se “colonizase a Península, os xoves galegos poidesen sen comprometer nos crimas quentes a saúde, probar nos terreos sobrados de Castela, de Estremadura, de Andalucía, con proveito seu e da nación enteira, segundo di o popular”. Ou sexa unha especie de precedente do que sería a Xunta de Colonización e Repoblación, regulamentada a comezos do século XX, aparte de outras propostas pioneiras.
A seguir afirma que os costumes son bós, ainda que parecerían mellor de seren as xentes ben faladas e se perdesen o defecto de non gardar “respeito a naide, nin sequera á propiedá” e asegura que hai pouca seguridade. Iso si, “a mocedá sempre está disposta para romarias e festas”.
Vocacións clericais
A propia situación de carestía, explica moitas vocacións clericais pois “a xente que pode pon nos estudos un fillo para crego; pola misericordia de Dios saíron e saen feros predicadores e bos curas”. Explica que a xente da montaña parece máis disposta e, como activo Mestre, láiase: “¡Canto pidese adiantar se houbera modo de obrigala a asester ás escolas!”.
Justo Pico de Coaña é un dos Ribadenses Ilustres que figuran no derradeiro capítulo do “Ribadeo antiguo” de Francisco Lanza. No fundamental ese cativo apontamento biográfico, é o que recolle Couceiro Freijomil no seu “Diccionario” e, ao cabo, a Enciclopedia Galega.