«Estar aquí é obrigado, dános repercusión internacional»

d.r. BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Foi un día atarefado en Xantar Ourense para o edil de Turismo de Burela, Ramiro Fernández. Chegou á feira pola mañá, participou a mediodía na degustación de bonito do norte organizada xunto a Conservas Ares e, ao peche da xornada, a media tarde, regresaba.

-Como van as cousas?

-Estamos moi contentos por como se está dando todo. O expositor está tendo moita afluencia de público. E é de supoñer que na fin de semana aínda haberá máis xente e por tanto vistárannos máis.

-O reclamo é case inmellorable, non?

-A degustación de bonito, en colaboración con Conservas Ares, está sendo un éxito. O nos bonito é un produto de moita calidade, con ilo, non podía ser doutra forma. É o noso ben máis prezado.

-Que se saca en claro de Xantar?

-É o segundo ano que vimos e temos claro que estar aquí é obrigado, é unha feira que dá repercusión internacional. Aquí aproveitamos para dar información sobre o Concello de Burela. O noso turismo é principalmente galego e asturiano e entendemos que Xantar é unha boa oportunidade para captar a xente do interior que viaxa en busca de costa e praia.

-Volverán?

-Si, por suposto. Este ano xa cambiamos algunha cousa. Puxemos unha azafata de Burela, o cal é importante porque fai unha mellor labor de promoción. O ano que vén quizais tamén haxa que cambiar algunha cousa, pero estar aquí é moi importante para o Concello de Burela.