Rodado na Mariña


Esta é unha semana atípica cargada de festivos. Para algúns ten parecido coa Ponte de Rande, para outros presenta tramos curtos como os que une por riba do Valiñadares a Ponte do Pasatempo e para os que máis semella o viaduto do Fiouco, que ás veces está e outras agóchase baixo a néboa. En todo caso posiblemente gocemos dun pouquiño máis de tempo libre do habitual. Estamos en tempo de matanzas, de frío, de poucas horas diúrnas e parece que apetece pasar parte do lecer gozando dunha película, se teñen ocasión non deixen de ver a última de Ignacio Vilar, “Sicixia” ou “Los últimos de Filipinas”, protagonizada por Luís Tosar. “Animales fantásticos y dónde encontrarlos” e máis “Villaviciosa de al lado” non precisan promoción.

Se non queren ir a unha sala comercial poden aproveitar para facer sesións domésticas con algunha das películas rodadas na Mariña. Se o desexan podemos repasalas a 24 fotogramas por segundo.

Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo serviron de decorado natural para a primeira película rodada na comarca, foi aló polo ano 1929. Un “Viaje por Galicia”, documental mudo realizado co patrocinio das catro deputacións provinciais galegas para ser exhibido na Exposición Iberoamericana de Sevilla.

Co mesmo título, pero desta volta con banda sonora e do ano 1953, “Un Viaje por Galicia”, incluída na serie “Por los caminos de España” retrata a franxa costeira mariñá e algúns monumentos como a catedral de Mondoñedo.

Chegados aos anos sesenta do século pasado tamén aparece a ficción, así en 1964 estréase “Fuego”, de Julio Coll, rexistrada en Viveiro e no Barqueiro.

Na seguinte década, “Flor de Santidad”, única película dirixida por Adolfo Marsillach, foi rodada en 1972 e estreada un ano máis tarde. Recolle localizacións na praza da Catedral de Mondoñedo e no pazo de San Cidre do Couto do Outeiro. Tal e como reza nos títulos de crédito de “O cadaleito”, os interiores e exteriores da película foron rodados en Fontao, Nois, Alfoz e Foz; tamén figura un agradecemento ao Conde de Fontao e a Antonio Rodríguez Mas pola súa colaboración. Viveiro aparece nos exteriores de “Óscar, Kina y el láser”, unha fita de José María Blanco estreada en 1978.

Cervo, Sargadelos e Viveiro entre outros moitos lugares de Galicia son testemuñas da filmación de “A Contratiempo”, de Óscar Ladoire, estreada en 1981. En 1985, Marío Camus, realiza “La vieja música”, con localizacións en Viveiro e en Estaca de Bares, ademais de Lugo, Santiago, Ponferrada ou Madrid.

Con argumento de Camilo José Cela e a sinatura do director José Briz plásmase en celuloide a docuserie “Del Miño al Bidasoa”, recordo ver partes desa rodaxe e recoñecín algunha taberna próxima ao porto de Ribadeo cando a vin na pantalla de Televisión Española por primeira vez. En 1996, La Cuadrilla estrea “Matías, juez de línea”, algún dos seus planos, foron tomados en Viveiro. Sen lugar a dúbidas unha das localizacións máis prezadas para o audiovisual nos últimos anos é a praia das Catedrais, este espazo natural aparece no cine da man de Xavier Villaverde, en 1998 con “Fisterra”.

No novo milenio tivemos que agardar ata o 2006-2007 para ver equipos de rodaxe cinematográfica na comarca, daquela en Viveiro, Celeiro, O Barqueiro, Bares, Espasante, A Coruña e Barcelona rexistrouse “O Tesouro”, de Manuel Martín Cuenca. Cun agora sí, agora non, “Os mortos van ás présas”, de Ángel de la Cruz, colonizou Rinlo en diferentes momentos para por fin ser estreada en 2008. Nas escenas finais podemos ver ao actual alcalde de Ribadeo, Fernándo Suárez Barcia, a Balvino Pérez Vacas e a Miguel Anxo Fernández, crítico de cine de La Voz de Galicia facendo un “cameo” como curas oficiando un funeral. En 2013 e 2014 Ribadeo, Barreiros, San Cibrao e Viveiro acolleu a rodaxe de “Camiñando ao Atlántico”, dirixida por J. K. Álvarez.

“ A Chocolateira” ou “Dictado” son outros exemplos de producións rodadas en celuloide na comarca de A Mariña e ben seguro que aínda quedan algunhas no tinteiro. Evidentemente aquí non aparecen recollidas outras producións audiovisuais coma series televisivas, nin spots publicitarios, nin videoclips; nese terreo teríamos unha longa lista só no areal de Augas Santas.

* Fran Bouso, mestre e escritor.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Rodado na Mariña