«Ó Mercado Medieval vénse a soñar»

david pérez / c. c. ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Alfoz volta ó ano 1483 e celebra un ano máis a chegada de Pardo de Cela

15 jul 2016 . Actualizado a las 00:25 h.

O Castrodouro do concello de Alfoz será tomado esta fin de semana por centos de persoas; no entorno do castelo vaise celebrar o Mercado Medieval. Pardo de Cela chegará un ano máis á localidade e recrearanse todos aqueles episodios da nosa historia.

-O Mercado Medieval cumpre dezaoito anos. ¿Canta xente esperan este ano?

-É difícil saber canta xente vai vir, porque é un goteo constante. Acostuma a vir máis xente entre as cinco e as nove, pero o ambiente é bo durante todo o día. Para a cea vendemos uns 600 tíques, pero hai xente que compra un tíque para dous, por exemplo, e outra xente sube pero non queda a cear despois.

-¿Nótase xa o ambiente desta festa no concello?

-Si, xa se comeza a respirar o ambiente do mercado medieval en Alfoz. Fai uns días puxemos pancartas, hai xente que xa comeza a subir ó Castro... O fin de semana pasado houbo xa varias actividades, o venres tivemos un desfile de traxes medievais de Reme Espantoso, e o domingo a asociación A Comparsa de Alfoz fixo unha ruta cabalar con temática medieval polos percorridos que Pardo de Cela adoitaba facer a cabalo.

-Moitas festas de carácter medieval están xurdindo ultimamente na Mariña. ¿Cre que pode existir un desgaste no público que poda afectar ó Mercado?

-Pode que haxa un desgaste, pero as festas temáticas non deixan de ser un selo ou unha herdanza de cada pobo, como a Normanda de Foz, o Ribadeo Indiano, a Renacentista de Viveiro... Cada zona pon en valor as raíces como pobo e despois decide como quere explotalas. Teñen máis risco de morrer de éxito as festas con finalidade puramente comercial e económica, pois o tema económico é inversamente proporcional á maxia do de sempre.

-¿Cal é a súa actividade favorita do Mercado?

-A min resúltame moi emotivo o nomeamento como Escudeiros do Castro a todos os cativos que nos visitan. Nós dicimos sempre que ó Mercado Medieval vense a soñar, e se alguén soña por antonomasia son os nenos. Ver as caras dos cativos ca medalla que Pardo de Cela lles outorga, esa felicidade, é o máximo.