A súa mensaxe aos indecisos: «No BNG teñen un voto de futuro porque supón botar ao PP das institucións»
21 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Xornalista de profesión, a candidata Olalla Rodil Fernández naceu en Ribeira de Piquín no ano 1989. A cabeza de lista do BNG-Nós Candidatura Galega ao Congreso pola provincia apura os días que quedan de campaña para trasladar a mensaxe do seu partido, que se ve chave nun escenario no que non haberá maiorías absolutas.
-Aínda que a enquisa de Sondaxe revela que os cabeza de lista galegos non son dos máis coñecidos, figura vostede entre os de mellor puntuación. ¿Pateou moito a rúa na anterior e máis nesta campaña electoral?
-Moito. Fixemos unha campaña humilde en orzamento e iso conleva percorrer as rúas e manter un contacto directo coa veciñanza de toda a circunscrición. Fixemos moitos quilómetros. Alédame que iso se reflectise no grao de coñecemento.
-Os cabeza de lista deben tirar dunha candidatura. E na súa figura un bo número de mariñáns, ¿que peso ten A Mariña en Lugo e en Galicia?
-A Mariña é un eixo central da provincia e tamén do país, sen dúbida. Representa o 30 % do PIB de Lugo e iso hai que o ter en conta. Para nós é moi importante que esta comarca tivese peso específico na candidatura, ao igual que centro e sur de Lugo.
-¿Que propostas para a comarca lle gustaría plantexar en Madrid de acadar representación?
-Para o BNG-Nós Candidatura Galega é primordial a cuestión das infraestruturas. A Mariña reflicte o desleixo do Goberno central nesta materia polo que exixiremos o cumprimento do prometido a respeito do corredor da Costa e máis do tramo Barreiros-San Cibrao. Alén diso. Levaremos ás Cortes unha reivindicación histórica da comarca e do BNG que é a abertura para uso comercial do dique norte de Alcoa, actualmente en desuso, que podería ser un impulso económico para a zona. No programa electoral recollemos tamén a aposta nos sectores produtivos mariñáns (pesca e agro) e a defensa dunha tarifa eléctrica galega que permita reducir nun 30 % o custe da luz, para a industria, as pequenas empresas e persoas autoempregadas mais tamén para as familias.
-¿Que lle diría aos milleiros de indecisos que, segundo as enquisas, parece que non pensan acudir ás urnas o domingo?
-Diríalles que no BNG teñen un voto de futuro porque supón botar ao Partido Popular das institucións, como sempre fixemos, mais ao tempo supón defender os intereses de Galiza levando a voz das traballadoras e traballadores deste país alí onde se toman decisións políticas que nos afectan. Estamos certas de que se o 26 de xuño pode producirse un cambio debemos contar cunha representación propia, autónoma e sen dependencias que non lle outorgue un cheque en branco a ninguén senón que traballe para mellorar as cousas en Galiza.
«Fixemos unha campaña humilde en orzamento e iso conleva percorrer as rúas»