Formado na escola focense, o vigués aprende no restaurante número 2 do mundo
10 may 2016 . Actualizado a las 14:41 h.A revista Elite Traveler acaba de nomear ao restaurante vasco Azurmendi de Eneko Atxa, con tres estrelas Michelín, o segundo mellor do mundo e alí coincide que hai un galego apaixonado pola cociña e formado en Hostalería no IES de Foz. De feito, o vigués Adrián Conde é agora o alumno en prácticas do instituto focense que ten o verdadeiro luxo de aprender dos mellores, alí no prestixioso local vasco.
-¿Cal vén sendo a súa tarefa?
-Somos tres na partida. Eu estou de cociñeiro en prácticas, coma a maioría.
-¿Algún galego máis alí?
-O xefe de sala é galego.
-¿Que aprendeu en vasco xa?
-Os vascos son xente moi amable e a verdade é que é unha zona bastante parecida a Galicia. Aprendo bastante. Levo máis ou menos un mes no Azurmendi e sei dicir en vasco ?bos días?, ?boas tardes?, ?grazas?, ?que aproveite?, ?feliz cumpreanos?...
-Imaxino que a moitos lles gustaría poder aprender no segundo mellor restaurante do mundo.
-Hai xente de todas as nacionalidades, de México, Perú, Colombia, Brasil, Tailandia, Xapón...
-¿Que significa para vostede?
-Que sexa nomeado o segundo mellor restaurante do mundo significa que é a elite da cociña. Se empezas as prácticas nun restaurante agora toca esforzo e medrar, medrar.
-¿Percibe moita presión?
-Presión non porque eu vou facer o meu traballo. Pero presión si que hai sempre á hora do servizo porque se non hai presión as cousas non saen ben. Eu quero ser cociñeiro e ter o meu propio restaurante, así que vou ter que aprender tamén de xestión e de todo. Xa estou collendo varias ideas. Logo, a ver se volvo a Galicia a aprender máis de comida tradicional. Agora sei perfectamente onde estou e o que se me pide, que é esixencia e traballo e eu vou con humildade. Nun principio, estarei alí ata o 10 de xullo pero se podo quedar máis tempo, moito mellor.
-¿Algunha anécdota, por exemplo, do primeiro día que deben ser todo nervios?
-Neste tempo que levo non me pasaron cousas na cociña. O primeiro día si estás mais nervioso.
-¿Algún prato espectacular de Eneko que lle chamara a atención?
-Para min o máis visual é La huerta. A representación é dunha horta, con verduras por riba. É un prato bastante famoso, que todo o que vén quere probalo, ademais do Huevo de nuestras gallegas, cocinado a la inversa y trufado. Está guapísimo o prato La huerta, pero é moi laborioso.
-Eneko Atxa como xefe, ¿que tal?
-É unha persoa humilde que esixe traballo porque o restaurante é unha empresa e ten que manter as estrelas Michelín. Non é unha broma. Na cociña hai que pórse serio. Pero por detrás é moi humilde. Estaba fritindo eu crocante de alcachofas e acercouse a preguntar que tal levaba a primeira semana, de que parte de Galicia era. Díxenlle que era de Vigo e fixen alusión a que o Celta era o mellor equipo, pero el é do Ahtletic de Bilbao.
-¿Xa rematou estudos en Foz?
-En Foz estiven estudando dous anos, este e o anterior. A verdade é que entrei na Escola de Hostalería de Foz porque fixen a proba de acceso e quedaba praza, ademais quería saír da miña zona de confort en Vigo para desenvolverme por min mesmo e na Mariña está a costeira e hai bo produto. Tiven sorte ao entrar porque é unha escola ampla. Tes que dar servizo o primeiro ano á xente que se queda a comer e o segundo para traballar en restaurante e carta. Aprendes bastante se lle pos empeño.
-¿Tivo morriña de Vigo? Agora que o penso, ¿haberá algún prato galego que se chame Morriña?
-Había que inventar algo así, xa que os galegos temos tendencia a estrañar a terra ao saír fóra dela. Eu antes de abrir un restaurante, primeiro quero viaxar por todo o mundo pero meu soño é despois abrir un restaurante en Vigo, con vistas á ría.
-No seu día libre cociñará pouco.
-Intento compaxinar para facer o proxecto, respirar, facer a compra, visitar algún sitio por Bilbao, distraer a cabeza.