«Algo se perdeu do saber dos avós»

Y.G. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

FOTO MIGUEL

O local divulga o «faino ti mesmo» con conciencia a través de varios obradoiros

04 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A filosofía do «do it yourself» (faino ti mesmo) non ten límites. Un exemplo, o das cervexas artesáns. Unha concepción similar á de Amodiño Tenda-Bar de Ribadeo, que á marxe de ser unha referencia comercial e hostaleira mariñana vencellada ao produto Km0, da nosa contorna, e ecolóxico, vai máis aló da súa relación co cliente e busca conciencialo. ¿Como? Pois probando a facer as cousas sen depender dos demáis, probando o sabor do caseiro e a satisfacción do elaborado por un mesmo. Son uns nove os obradoiros que pón en marcha a partir desta primavera, que se aveciña do máis produtiva.

-Unha parte da axenda está configurada en colaboración co Espazo Agroecolóxico A Estruga.

-Si, son os Obradoiros pola Soberanía Alimentar, que durarán ata outubro. Ían empezar esta fin de semana cun de orto familiar ecolóxico pero por problemas climatolóxicos tivo que aprazarse ao 30 de abril e 1 de maio.

-¿Haberá máis obradoiros?

-Si, o 16 de abril un sobre especias e herbas aromáticas e o 17 de bebidas vexetais, que organizamos directamente, en colaboración cun cociñeiro. E outros, de xabóns e cosmética natural, con Artesanamente dos Oscos.

-Está ben animar á xente a que faga as cousas por si mesma, pero ¿será tendencia ou quedarase?

-Sempre tivemos a idea de crear en Amodiño un espazo para compartir experiencias, para facer cousas relacionadas coa autosuficiencia, co produto local, coa soberanía alimentar... A veces tíñamolo deixado un pouco de lado porque precisabamos moito tempo pero puxémonos as pilas...

-Bueno... ¡e a satisfacción que dá ver que un pode facelo, aínda que sexa só unha conserva!

-Moitas veces, trátase tamén de abaratar custes. Tendemos a pensar que hai cousas que non as podemos ter porque son caras, pero ao mellor as podes facer ti.

-Dende a tenda-bar, ¿observa que a xente se preocupe máis do que come, da alimentación?

-Hai moita preocupación pola saúde e polos alimentos, seguindo a máxima actualmente de que sexa a túa menciña [di citando unha frase famosa de Hipócrates].

-Tamén lin que se queres ser feliz, empeza polo teu prato. Ata hai algún programa de cociña que se centra nos «superalimentos». ¿Preguntan aí por eles ou por novos como as semillas de chía?

-Recoñezo que a nosa aposta, aínda que temos deses produtos, máis que pola «superalimentación» é pola alimentación sá e local, pero si se nota, cando preguntan pola cúrcuma fresca, as semillas de chía, a quioa... Tamén preocupa a forma de cociñar, máis sá. Creo que a dieta tampouco tén que empezar a basearse niso, simplemente hai que ter en conta os produtos locais, que o impacto medioambiental sexa menor e que o alimento estea recén collido. De feito, o curso de orto serve para que a xente poda acceder a un cacho de terreo ou a un balcón e cultive.

-Curioso que se cultive nun balcón coas leiras que ai ao redor. ¿Tanto camiño se perdeu na nosa conexión coa natureza?

-Perdeuse algo desa tradición, do saber que non tiñan tan lonxe nosos pais e avós. Houbo unha xeración á que se lle dicía que estaba mal visto traballar no campo, que había que traballar na cidade.

-Un obradoiro que xa se fixera no local divulgou as algas.

-A idea é seguir, facer máis. Temos algún programado de cara ao outono e queremos facer varios, de reciclaxe, máis tamén de cociña vexeteriana, sushi, etcétera.

Os interesados poden inscribirse no teléfono 982 130 812, por email en amodino.ribadeo@gmail.com ou por Facebook. Prazas limitadas.