Sen burros

SUSO FERNÁNDEZ, CRONISTA OFICIAL DE FOZ

A MARIÑA

Din que no curto prazo de dúas/tres décadas, non quedará un exemprar dos pacientes e sufridos asnos que desde tempos inmemoriais viñeron prestando importantes servicios á humanidade. Tempos houbo nos que en Foz o burro era moi apreciado e considerado; algúns acadaron popularidade e son moitas as anécdotas a que deron lugar.

O burro foi, ademais, valioso auxiliar das pescantinas. A ?vendedora? que pregoaba o producto azuzando a un tempo ó animal que o transportaba, era estampa cotiá polas rúas da vila e as corredoiras da bisbarra. Na memoria gardamos episodios da época. Así se explica, por exemplo, que Emiliano da Cangalla, a quen roubaran o burro que gardaba na cuadra, tivera que desprenderse da prenda por él mais preciada: un fermoso acordeón, con artístico decorado e diseño de nácar, chegado de alén mar, que coidaba con todo esmero. Ante a dificultade de achegar recursos para mercar un novo burro, vendeo rifas para o sorteo do instrumento nun baile domingueiro no salón de Ramón María de Cao. Un burro popular fora «Tilín» de anatomía émula de ?Platero?; Antón de Carballido, o dono, asináralle un duro traballo: tirar da vagoneta que, da canteira do Rego de Foz levaba a pedra para a construcción das Casas Baratas. Pero foi sen dúbida ?Pedro? o colega mais popular: miúdo, arrogante; pola visita diaria a certos establecementos, por razón de traballo, gañárase o afecto de moitos parroquianos. Pola onomástica (29 de xuño) tomaba as súas cañas de cervexa, adozaba o padal cun feixe de caramelos e na testa, entre as orellas, lucía un fermoso penacho de flores.