«Despois de 29 anos levando a cabalgata de Ribadeo, deixo un gran patrimonio»
A MARIÑA
Aos 87 anos transmite moita vitalidade e presume de bo humor: «Si boto un ano máis, vanme ter que dar unha pensión»
11 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Confesa que é a gran cita da ilusión. Para nenos e tamén para adultos. E parte dese empeño por transmitir esa ilusión é a que lle dá gran parte da vitalidade que desprende Antonio Martínez Pérez, ribadense que leva case tres décadas á fronte da organización da cabalgata de reis de Ribadeo. Horas antes desta cita, o ribadense Antonio Martínez confesaba, aos seus 87 anos, que a do 2016 será a súa última cabalgata como organizador principal. Deixa paso a novas xeracións, ás que lles brinda a súa colaboración. Tamén confesa que lle gustaría que os ribadenses fosen máis constantes á hora de manter tradicións.
-¿Como lle deu a vostede por tomar as rendas desta organización?
-Despois de estar en Avilés durante 35 anos volvín a Ribadeo. Entón empezáronme a chamar para que me metera na comisión de festas, na que estiven varios anos. Logo, collín a comisión que organizaba a cabalgata de reis. Fíxeno polos meus netos, e aquí sigo. Houbo unha cousa nestes últimos anos que sempre me propuxen e que o fun mantendo; que non repetira ningún rei.
-E sempre estivo ao pé do cañón...
-Despois de 29 anos levando a cabalgata de reis de Ribadeo son consciente de que deixo un patrimonio, un patrimonio moi grande. As carrozas, a roupa... todo o hai desde o ano 1991 para adiante. Hai catro ou cinco anos quíxeno deixar, pero o meu fillo non mo permitiu. Seguiume animando. Pero agora, xa vou tendo uns anos... E, ademais, si boto un ano máis, vanme ter que dar unha pensión... (ri).
-E, ¿como afrontou a cita?
-Este ano quixen que o meu neto fose de rei, e Baltasar. Ten 16 anos.
Un percance. Antonio Martínez tamén viviu en carne propia algún que outro percance metido de cheo na organización: «Hai anos caín dunha carroza e levei 24 puntos na cara».