Envexa

Miguel Sande Corral
MIGUEL SANDE AO FÍO

A MARIÑA

10 dic 2015 . Actualizado a las 18:20 h.

Ler a reportaxe de María Cuadrado sobre o señor Francisco Lestegás, «Pancho do Relámpago», con 105 anos, é un pracer. Unha desas lecturas nas que paga a pena demorarse mentres se desfruta dun café.

Dá envexa a ledicia, o optimismo que desprende e xera este home. Pode que, efectivamente, a razón da súa lonxevidade, sexa precisamente esa «alegría» del que contaxia, e o seu riso.

El e a xente maior coma el son un tesouro que posiblemente non saibamos apreciar debido ás présas deste tempo, á velocidade con que transcorre todo para non saber ben ó final cara onde imos. E esa présa fai que os esquezamos posiblemente cando deberiamos aproveitar a sabiduría de vida desta nosa xente. Pero somos así.

Lendo e escoitando ao señor Lestegás lembrei da señora María, outra centenaria. A miña avoa que pasou os seus últimos 16 anos en cadeira de rodas vendo pasar os días e a vida a través da ventá. Ela que durante moitos anos, media vida, ía ata A Coruña a pé co paxe na cabeza ata o mercado de San Agustín onde tiña un posto de venda. Sen embargo, nese tempo final onda a ventá sempre tiña un sorriso nos labios, unha alegría e unha intensidade e gañas de vivir grandes.

Foi ela, ao cabo do tempo, quen me inspirou a personaxe da señora María da novela «A vida fóra», que editaría Galaxia. Á señora María foron morréndolle primeiro as palabras, esquecíaas, e despois morreulle unha man e despois unha perna e aínda así tiña vivo nos labios sempre o riso. Na novela constrúenlle diante un edificio e quítanlle o único que ten: a vista, pero a súa imaxinación é grande.