Os camiños

ANTONIO REIGOSA, CRONISTA OFICIAL DE MONDOÑEDO COLABORACIÓN

A MARIÑA

En Cunqueiro e Galeano, por citar só dous dos meus santos literarios, está a biblia da miña devoción polos camiños. Di, ou insinúa, Cunqueiro que os camiños son seres vivos que nacen, crecen, ramifícanse e tamén morren. Os camiños, mentres están vivos, son a nosa pegada, a marca da nosa incesante peregrinaxe cara o alén. Se falasen (ao seu xeito fano) os camiños dirían mellor ca ningún filósofo de onde vimos, quen somos e a onde queremos ir.

Está moi ben que a UNESCO repare nos camiños de noso porque neles está reflectida todo o noso pasado, que é antigo e rico, camiños que traen historias doutras xentes e doutras terras, camiños que levan as nosas moito máis lonxe que calquera vendaval.

Congratulémonos de que a Unesco bendiga co seu recoñecemento os Camiños do Norte que se dirixen a Compostela, o da Costa e o Primitivo que se suman ao Francés, e de paso os edificios singulares asociados como a catedral de Mondoñedo ou a de Lugo. Dezasete concellos lucenses e oito coruñeses que se engaden ao selecto grupo da listaxe do Patrimonio Mundial e que deben ser desde xa un só pulso, un latexo unísono guiado pola arteria que lles dá vida.

Que é -preguntabase Galeano- unha persoa no camiño? Tempo! Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo.