«Nós presentámonos para transformar Viveiro e poñer o Concello a traballar»

Mar García Balseiro
MAR G. BALSEIRO VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O nacionalista aposta «por un concello e unha cidade viva, moderna e dinámica»

28 dic 2014 . Actualizado a las 05:09 h.

Bernardo Fraga Galdo (Celeiro, 1983, arquitecto técnico de profesión e actual portavoz municipal de Viveiro foi reelixido pola asemblea do BNG como candidato á alcaldía de Viveiro pola formación nacionalista. Fraga recoñece que lle deu «unhas cantas voltas» á idea de repetir como cabeza de lista, e os condicionantes que a actividade política ten para a vida persoal. «Ata agora puiden compaxinar todo», di. O obxectivo co que pelexará na próxima contenda electoral é «gobernar Viveiro», con «un modelo de Concello e cidade viva, moderna e dinámica».

-¿ Que diferenciará o seu programa electoral do doutros partidos?

-O proxecto que estamos a construír contará cun equipo e un programa de goberno que garanta traballo, co obxectivo de desenvolver un modelo de concello e de cidade viva, moderna, dinámica, atractiva para atraer xente e no que contaremos cos veciños e veciñas e con todas as asociacións de Viveiro. Nós presentámonos para transformar Viveiro e poñer o Concello a traballar, con ganas de cambiar a parálise absoluta na que está sumerxido o actual goberno municipal.

-¿Pero cales son os seus retos?

-Moitos. Viveiro necesita a aprobación inmediata do PXOM, tamén situalo a nivel turístico no lugar que se merece, e todos os esforzos deben pórse en evitar que os mozos e mozas marchen. Non confiamos en absoluto en que arranxen a situación económica quen nos levou a unha débeda de 13 millóns de euros, o PP e o PSOE, que haberá que analizar pormenorizadamente, para ver de onde se pode sacar.

-Nesta ocasión a elección de candidato non xerou debate.

-Hai catro anos acometeuse a primeira parte da renovación, e agora será absolutamente completa, case un 60 %. Temos contactos con xente que participa na vida de Viveiro, e imos contar con bastante mocidade, a media de idade da lista do BNG vai baixar bastante. Darémola a coñecer, e tamén o programa, a finais de xaneiro ou principios de febreiro.

«Imos contar con bastante mocidade, a media de idade da lista vai baixar bastante»

«Viveiro necesita un PXOM, e todo sos esforzos para evitar que mozos e mozas marchen»