Tal o gordo e o fraco

FRANCISCO LUIS RODRÍGUEZ GUERREIRO

A MARIÑA

Reaparecen na película Lauren and Hardy, tal o gordo e o fraco. O gordo acabado de chegar do seu "bulgar" retiro dourado e o magro coma un avogado da silveira levándolle os papeis e ríndolle as grazas. Volve o dúo e declaran que andan preocupados pola mala imaxe que se está a dar de Viveiro con toda esa andrómena de preitos urbanísticos. Levan razón. Viveiro vai de mal a peor. Todo desde que eles e os seus amigotes deixaron de protagonizar a película. Para imaxe boa, a que eles criaron.

A Vila e arredores, abandonada hoxe polos ilustres padriños -como botamos de menos as visitas do Rato entrando, en panos menores, na Consistorial!-, xa sen o amparo do amigo Jaume Matas -lembran con que graza bendicía os terreos da Insua?-e desprovista per secula seculorum da tarxeta ouro Visa coa que mercar agasallos -uns centoliños por aquí, unhas langostiñas por alá -para ter contentos aos valedores. Retornan os ghichos, coa cara compunxida, agora que rematou a bicoca das subvencións europeas e xa non poden montar granxas para engordaren peixe. Preséntanse con cara de non romper nunca un prato -o do Lodeiro sóalles a chino mandarín- e semella que a normativa urbanística herdárona do pérfido Pardo de Cela, alcalde que foi, como se sabe, un ferreño defensor das Normas de Urbanismo. Rexorden, insisto, e deixan nun segundo plano a todos os demais: ao alevín das "Nuevas Generaciones"- titulado que xa fixo prácticas como bolseiro en dúas organizacións políticas xuvenís- e á nova xefa territorial de Educación- tamén é mala sorte comezar co pé cambiado o curso e o mandato. Resucitan o Gordo e o Fraco para nos presentar outra volta o ?remake? da súa resesa película. E non se decatan -tan preocupados están pola mala imaxe de Viveiro que damos os outros- de que o seu filme xa non vende e que hoxe o que ?mola? é o da chamada por rigoroso orde alfabético: co A, para o Gordo; co B, para o Bárcenas, co C, para o Crespo? Está xustificado o despiste pois agora un exerce no estranxeiro como experto en Calderón de la Barca e o outro está ocupado en rirlle as grazas.