Señor Jesús López Penabad: non vou comezar este artigo chamándolle «ignorante», «prepotente» nin «chulo», insultos que vostede me dedicou nun recente artigo seu titulado «Soberbia» sobre á construción da Residencia de Maiores de Ribadeo. Non o vou facer porque non é ese o meu estilo nin creo que os ribadenses queiran ter nunca de alcalde a quen insulta. Eu respéctoo a vostede, aínda que non comparta as súas ideas. Pero si que me vexo na obriga de aclararlle algunhas cuestións en relación á construción da residencia:
1.- É un feito incuestionable que Ribadeo precisa este servizo. Un de cada catro habitantes do concello ten máis de 65 anos. Os nosos maiores merecen un coidado axeitado. É algo co que non se pode xogar.
2.- A construción da Residencia é unha demanda unánime da sociedade ribadense, que se mobilizou para conseguila. A falta de apoio da Xunta a este proxecto non é un ataque ao alcalde ribadense do BNG, é un ataque á sociedade ribadense, aos maiores de Ribadeo e ás asociacións de veciños e colectivos sociais que están a loitar por este servizo.
3.- As desculpas de mal pagador da Xunta non son máis que un intento de obstaculizar a construción desta obra tan esperada. Así o denuncia un escrito enviado desde Ribadeo á Xunta de Galiza o pasado 28 de agosto e asinado por todos os grupos políticos do Concello, incluídos os concelleiros do PP, que son os que representan aos votantes do señor Feijóo en Ribadeo.
4.- A residencia de Ribadeo está deseñada para atender a medio cento de usuarios e usuarias e costará 2,5 millóns de euros. A Xunta de Galiza ten que aclarar dunha vez se vai poñer cartos para esta obra, sen máis desculpas nin atrancos, porque a este ritmo rematarán as obras e a Xunta de Feijóo seguirá poñendo desculpas de mal pagador para non aportar nada para a Residencia, nin sequera os pírricos 500.000 euros que tiña comprometidos.
Defender aos ribadenses, non a Feijoo
5.- E sinceiramente, señor Penabad, en vez de facer de mal escudeiro do señor Feijóo, o que os ribadenses esperan de vostede é que defenda os intereses dos veciños e veciñas de Ribadeo (...)
6.- En vez de insultar a todos e todas as persoas que traballamos a favor da Residencia, o que debería facer é denunciar a actitude discriminatoria da Xunta e do señor Feijóo con Ribadeo. Ten que ser a Deputación e mais o Concello quen asuman a construción desta infraestrutura cando é a Xunta quen ten as competencias na materia. Debería estar criticando vostede publicamente que a Xunta de Galiza desatenda deste xeito as súas obrigas en materia de benestar social da poboación do seu concello.
7.- Pero non se preocupe vostede, co apoio da Xunta ou sen el, co seu apoio persoal ou sen el, Ribadeo terá residencia da terceira idade. (...).
Ribadeo e os seus cidadáns merécense esta infraestrutura social tan necesaria e pola que levan tanto tempo loitando. Señor López Penabad, faga algo útil, deixe de insultar e convenza á Xunta e ao señor Feijóo para que non castiguen a Ribadeo e cumpran coa súa obriga: financiar a Residencia de Maiores de Ribadeo.
E todo isto dígollo dende a humildade de quen foi escollido polos ribadenses para defendelos, para loitar por eles e polas súas necesidades e para mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza. Non é soberbia, é firmeza
P.D.: INFAMIA: Inxuria. Quen obra con vileza. Acusar a alguén sabendo que é inocente.
(Permítame que use a definición da Real Academia Galega).