En fermoso libro que acabamos de ler, díse: «Vivir consiste en construir futuros recordos»; aforismo que o tempo confirma e lexitima.. Son moitos os escenarios que serven de marco ás vivencias mais dispares: persoais, profesionais, lúdicas, culturais, sociais; lugares de xornadas inesquecibles, cultivando o valor da amizade e as ledicias que, na mocidade, todos coñecimos e quedan para o recordo amable.
O cronista, alén do espacio máis próximo e amado, leva fixado, dende rapaz, o nome do seu lugar preferido, e así o proclamou cando o ano 2002 tivo a honra de pregoar As San Lucas: «Se un día me perdo por Foz que me busquen en Mondoñedo», pois infindos son os episodios que revive a cotío.
Chaqueta e garavata
Próxima a celebración dos Remedios vennos á lembranza unha das moitas anécdotas. Era o ano 1958. Uns colegas alugamos o coche de Arturo do Pintado e alá nos fomos cara á cidade da Paula.. Percorridas as rúas na compaña de amigos lugareños, decidimos ir ó baile do Casino. A entrada, restrictiva; só para socios, aínda que permisivos cos forasteiros; pero uns e outros debían vestir chaqueta e garavata, condición que non cumpríamos e Avelino, o porteiro, noso amigo, fiel ca súa obriga, nonos deixou entrar. Os compañeiros nun intre o resolveron, in situ, con prendas prestadas, pero o que suscribe tíñao mais difícil, dada a súa corpulencia: medía 1,80 m.e o peso superaba xenerosamente os cen kilos, o que dificultaba atopar de súpeto a prenda axeitada. Actuaba a Orquestra Royalty na que formaba, co seu inseparable contrabaixo, O Gorrito, de envergadura semellante. Por alguén que subía ó salón, pedimos ó amigo músico que dende o balcón nos arrebolase as pezas, e así o fixo: chaqueta de pano verde con amplas solapas de raso e, a xeito de garavata, lazo negro, longo...
Cando Avelino nos ollou darriba abaixo para o «visto bó», dixo: «¡Home, vés de músico, pro cumpres co ordenado: ¡adiante...!». A noite feliz, hai preto de 60 anos, pasou a nutrir a ringleira das vivencias mindonienses que a cotío rememoramos con nostálxico agarimo. Encetábamos a nosa segunda década e abofé que non coxeábamos...