O transporte decide

DORES FERNÁNDEZ ABEL, SECRETARIA CIG-ENSINO A MARIÑA

A MARIÑA

AConsellaría de Educación está a denegarlle a varios centros da Mariña a xornada continuada, despois de cumprir todos os requisitos por ela mesma esixidos. A razón: o incremento do custo do transporte escolar. Mais, é un incremento de custo real?

Máis unha vez o transporte. Os horarios e a xornada escolar deberían estar baseadas en razóns pedagóxicas, e mesmo sociais, mais a experiencia dinos que están baseadas nos horarios e nos intereses das empresas de transporte. E neste momento, grazas a un acordo entre a Consellaría de Educación e a patronal do transporte, este incrementa o seu poder sobre o ensino: cando un centro se acolla á xornada continuada incrementarase, de xeito xeral, o custo do contrato nun 20 %, independentemente de que na realidade non haxa aumento de autobuses, nin se varíen horarios e itinerarios, ou incluso se reduza o custo real. A Xefatura Territorial, apoiándose nese acordo, impide mesmo que a comunidade escolar opine democraticamente sobre a conveniencia de mudar a xornada e remate o proceso para a petición. Na práctica, unha vez máis, a Consellaría regala á patronal do transporte o poder de decisión.

Por que esta nova concesión? Son preguntas que parecen non ter contestación lóxica. O que nos leva a outra decisión ben recente da Consellaría de Educación: a revisión anual de saúde do profesorado, conquista que aínda non se puxo en práctica, faraa unha mutua. Explicámonos. O profesorado do ensino público somos os únicos traballadores aos que non se nos fai a revisión anual de saúde. Despois dunha demanda da CIG-Ensino, e de ter fallado a favor deste dereito o xulgado, e máis tarde confirmado a sentenza o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza; despois de este Tribunal ter obrigado á Consellaría a acatar a sentenza e levala á practica; despois de varias peticións de adiamento, acábasenos de dar a noticia de que se contratará unha mutua para as revisións, a pesar de que levala a cabo no Sergas sería un 40 % máis barato, 886.984 ? menos!

Se temos en conta que cada ano hai menos profesorado e tamén os cortes drásticos en practicamente todas as partidas orzamentarias do ensino público (libros, formación, lingua galega, comedores..), podemos preguntarnos qué interese ten a Consellería en gastar ese diñeiro de máis? A quen benefician este tipo de políticas? Neste contexto de retroceso tan brutal no ensino, pero tamén noutros ámbitos como son os dos dereitos dos traballadores, o dereito das mulleres a decidir sobre o noso corpo, o dereito ao traballo, o dereito a decidir de Galiza, non é de estrañar que o alumnado galego volva de novo á loita cunha folga contra a LOMCE, expoñente máximo do pouco respecto que ten o Partido Popular pola educación da maior parte da sociedade. O profesorado teremos tamén que seguir denunciando e combatendo este modelo educativo, a prol dunha educación pública de calidade e dos dereitos sociais e nacionais do noso país.