Cabalgata de Reis 1959

SUSO FERNÁNDEZ, CRONISTA OFICIAL DE FOZ

A MARIÑA

Foi a primeira que se celebrou en Foz. Pouco había que Pepe Beltrán accedera á alcaldía e xestionou co Concello de Ribadeo que, unha vez cumplido co cometido na vila veciña, as SS.MM. se desplazarían a Foz a levar a focegos/gas, as ledicias da Noite de Ilusión que o era especialmente, pois nunca antes tiveran a ocasión de velos tan de preto, xa que en Foz non tiñamos os medios: para a caracterización dos personaxes: eran tempos miserentos! É fácil percatarse do éxito da novidade: cómo a grande maioría da poboación (metade da de hoxe) saíu á rúa; cómo o parque automobilístico (pouco máis de media ducia de unidades) facían soar as bucinas que ameazaba cun enxordecedor estarabouzo que, no fondo, soaba a música celestial?

O desfile partira do vello garaxe de Transportes Galaicos, onde dende media tarde agardaban os cabalos de Culata, O Fero de Mañente e Antón María de Simón que se estreaban como cabalgaduras de tan egrexios xinetes. O percorrido rematara no bar Náutico, no porto, na compaña de elenco musical de tanta calidade como a nomeada Rondalla O Pallarego, de Mondoñedo, na que tocaba o violín o focego Chicho de Botes, á sazón empregado na sucursal mindoniense do Banco da Coruña, da que era alma máter, mestre e promotor, o barbeiro-músico ou músico-barbeiro, Manuel Ledo Bermúdez que na vella cidade rexentaba a súa oficina (oficina: lugar onde se exerce o oficio), ágora na que a cotío se xuntaban escritores, poetas, historiadores, músicos: Álvaro Cunqueiro, Lence Santar, Noriega Varela, Leiras Pulpeiro, Trapero Pardo, Manolo Araújo, etc. Guitarras, laúdes, bandurrias e violíns inundaron as rúas con ledas e románticas melodías que soaron na que foi a máis ilusionante Noite de Reis da historia local e que deixaron na mente e no corazón de nenos e nenas a pegada do que foi preámbulo a un doce soñar, que precedía á fantástica entrada trunfal no ilusorio mundo do Paraíso? Eran as vivencias da primeira Cabalgata de Reis vivida polo pobo de Foz.

Hai deso 55 anos...