O museo da auga

SUSO FERNÁNDEZ, CRONISTA OFICIAL DE FOZ

A MARIÑA

Ólongo dos derradeiros vinte anos e mercede á sensibilidade, visión de futuro e esforzo dunha parella -Emilio e Mari Carme- a Mariña Central conta co que hoxe é un atractivo turístico de primeiro orde. Só dende a ilusión xerada polo amor á terra e á cultura dos devanceiros; dende a veneración pola natureza e a vontade decidida de asumir un risco acaso mais alá da economía persoal, foron os alicerces que, mesturados, lograron acadar obxetivo tan exemplar como ambicioso, do que sería bo que a sociedade en xeral aprendese a lección, cando a cotío no noso contorno se practica, en aras de mal entendida modernidade, unha depredadora acción destructora dos valores histórico-tradicionais, etnográficos, paisaxísticos, antropolóxicos e culturais en xeral, que resultando arrepiantes para a apreciación da cidadanía, sensible a tanta barbarie, constitúen unha agresión ó patrimonio, material ou inmaterial, e polo tanto a devaluación do mesmo; é decir, un empobrecemento dos recursos.

É evidente que os terreos da finca Galea xa estaban alí; faltaba que, coma Lázaro, unha voz (a do visionario) dixese: «Levántate e anda». Pero para iso había que contar coa intuición, a vontade de sacrificio e as aptitudes que apuntamos, non doadas de atopar. Emilio e Mari Carme, dende unha vocación e ilusión a toda proba, foron quen de acadar o paraíso que expresou Manuel María: «Auga, pedra e árbores están en ?Galea? sabiamente combinados, como as palabras nun poema perfecto. O rumor do río Ouro e a brisa meneando as follas do arboredo póñenlle música a tanta beleza?»

Valores da cultura e da natureza, que marchan parellos, e gañan adeptos cada día como reclamo turístico; ao punto de que a televisión, en fermosos reportaxes, a presenta como «O museo da auga». Novo impulso para un recinto que é honra e atractivo da bisbarra e conserva e potencia toda a maxia dun espacio único, difícilmente equiparable: a máxica ?Galea?, un resorte clave -non o único- no tan proclamado, e nunca afrontado, obxetivo de desestacionalizar o turismo da comarca.