Pasou un día desde que o Museo Provincial de Lugo pechou momentaneamente as súas portas para despedir polo baixiño ao torques de Burela. Tanto el coma os seus curmáns (o torques de Viveiro, o de Valiña, o torques da Recadieira, o carneiro alado...) xa están lonxe da provincia. Iso nos din.
Xa non serán un atractivo para planificar excursións escolares desde A Mariña ao museo. Tamén obrigará a facer cambios nos manuais de texto e noutras publicacións. Lugo xa non lle dá cama. Agora queda saber qué pasará co torques que loce no escudo do Concello de Burela, co torques do emblema do CD Burela Fútbol Sala, co periódico dixital dos alumnos do IES Monte Castelo que leva o nome de «El Torques»...
Hoxe descubriremos o que tamén ten que dicir o Goberno local de Burela que, coma moitos mariñáns, seguiu discretamente a polémica negociación. Non é un problema de Estado coma o paro, nen merece un debate remunerado. Pero ben certo é que os 1.800 gramos desta valiosa peza de ourivería merecen estas liñas e tamén unha lembranza. É patrimonio. O noso.