«Nos tempos de agora xa non se pode ter stock no almacén»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

As tendas deste empresario non aplicarán a suba do IVE en 60 días

14 oct 2012 . Actualizado a las 07:01 h.

Antonio Maseda (Xove, 1949) dedica a maior parte do día a atender as dúas empresas que ten ao seu cargo, o restaurante O Castelo, aberto hai case 35 anos en Cervo, e a tenda Muebles Toal, que puxera en marcha ao ano de tocar a lotaría en O Castelo no ano 2002 e que ten puntos de venda en Xove, Ortigueira e Ribadeo. En Toal hai un compromiso de 60 días a manter os prezos e non subir o IVE.

-Como un dos sectores profundamente afectados pola crise foi o da construción, ¿como repercutiu a caída de venda de pisos no sector da moblería?

-Nótase bastante. Reducín costes reducindo personal. Agora en Toal temos cinco persoas menos que cando empezamos. Ao inicio en Xove traballouse moitísimo, ben, o que me animou a abrir despois en Ortigueira e Ribadeo. O peor que temos agora é o de Ortigueira, e se non funciona mellor posiblemente se peche. En Ribadeo temos unha moblería de 700 metros cadrados, un baixo de luxo, e en Xove máis de mil. Cando hai crise hai que reducir custes como sexa, é a única solución.

-Se non se vende tanto...

-Temos moito stock en mobles, por iso seguimos facendo os mesmos descontos, sen subir o IVE. A ver o que baixa o almacén nestes 60 días. Temos colchóns, que nos custaron a 300 ou 400 euros, a prezo de custe. Agora o que pretendemos é quitar o stock, porque agora non se pode ter no almacén. Antes chegabas e comprabas o que quixeras. Agora moito hai que pedilo, ou encargalo a fábrica (...) Na moblería aforramos en luz, sobre todo de noite, e agora tamén esperas a que se xunten varios pedidos da moblería para facer unha soa viaxe.

-No cruce onde está O Castelo xa se fixeron algunhas das mobilizacións polo futuro de Alcoa, varios cortes de tráfico.

-Se falla Alcoa, morremos de fame, de Ribadeo a Viveiro, excepto no verán. Pero este dura na Mariña uns 40 días. E se baixa o turismo e o consumo...