«A comida é a hora que ten o paciente de relax no hospital»

a.f.c. BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

O responsable da cociña di que tratan de contentar aos enfermos no posible

22 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O xefe de cociña do Hospital da Costa desenrolou a súa vida profesional no centro burelense. Pedro López Beade (Betanzos, 1960) está a punto de cumprir 62 anos e xa leva 26 en Burela. Dirixe un equipo integrado por outros tres cociñeiros e 13 pinches, «moi conscientes», destaca, da responsabilidade que comporta alimentar a arredor de 130 pacientes cada día (máis os 12 médicos de garda).

-Sostén que a dieta é importante na curación dun enfermo.

-A alimentación é un complemento moi importante. A pasada fin de semana fixemos en Viveiro un taller de nutrición sobre enfermos renais. Son un bo exemplo da importancia que ten ter aos pacientes ben nutridos, pasan por distintas fases nas que os aportes de proteínas van variando... Nun paciente, cando está desnutrido, o corpo toma a enerxía do músculo e iso debilítao e crea problemas. Á parte de que a comida é a hora que o paciente ten de expansión e relax, coma se fora un paréntese..., é un dos poucos atractivos que o enfermo ten no hospital.

-O traballo do seu equipo ten que resultar moi gratificante.

-Si é gratificante. Ás veces envíannos felicitacións (no pano de mesa ou no mantel) pola comida e colgámolas no taboleiro, pero o que máis nos preocupa son as queixas e tratamos de mellorar en base á crítica que nos fan. Dentro do que podemos, procuramos atendelos e darlles o que piden. Nun hospital pequeno coma este, as pinches acaban coñecendo aos pacientes (polo reparto diario das bandexas de comida) e sabendo os seus gustos. Por exemplo, a tal enfermo non lle gustan os iogures de fresa, pois xa o sabes e mándasllo doutro sabor.

-¿Condiciona o seu traballo o feito de contar coa certificación de calidade ISO?

-O certificado de calidade implica un nivel de esixencia grande, anque a maior parte dos controis xa os faciamos antes. Temos que tomar nota de toda a mercancía que entra para seguir a trazabilidade. Hai un estrito control das temperaturas, as neveras están monitorizadas para saber se houbo algún fallo de noite e por canto tempo, por se estivo fóra do rango aceptable. Pero a ISO marca, sobre todo, uns obxectivos de mellora, con enquisas sobre calidade e satisfacción; os controis veñen marcados pola lexislación de seguridade alimentaria e manipulación de alimentos. Somos moi esixentes no cumprimento da normativa porque traballamos cunha poboación diana (moita xente maior con patoloxías asociadas, defensas baixas...) e non nos podemos descoidar nin un pouquiño. A cociña dun hospital está considerada de alta risco. Tes que intentar evitar os riscos, temos unha responsabilidade e temos que facer uso dos coñecementos e das ferramentas dispoñibles. Ata agora nunca houbo ningún problema.

-¿Obrigaron os recortes a algún tipo de restricción?

-Sobre os recortes non son eu quen ten que falar, máis aló dunha maior racionalización dos recursos e hábitos máis saudables, que non perxudican a ninguén. Ese é un tema político.

pedro lópez beade xefe de cociña do hospital da costa