Sumando forzas: a sociedade participa

Elena Candia

A MARIÑA

20 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Sen lugar a dúbidas a expresión popular na que se asegura que nos momentos difíciles é cando as persoas dan o mellor de si mesmas ten un reflexo moi claro e incluso emocionante, no xurdir dese movemento social que chama á implicación e compromiso da cidadanía ante os problemas, fundamentalmente de índole laboral, que están a ter lugar en Mondoñedo e na súa comarca. Só podemos agradecer o comportamento das asociacións que unen os seus esforzos en defensa do noso tecido socio-económico e moi particularmente das familias afectadas polo duro impacto da crise en empresas como Finsa ou Hermida. Desde o PP sempre cremos que a situación de Mondoñedo -xa durante o inmediato pasado polo que aínda con moita máis intensidade agora- necesitaba da implicación forte, construtiva e comprometida dos axentes sociais e asociacións. Por iso defendíamos contar con esa implicación no mesmo seo da administración local e presentamos unha proposta de participación cidadá -a través dunha moción no Concello- que foi desoída polo actual equipo de Goberno municipal ao votar na súa contra.

Hoxe os feitos veñen a darnos a razón e incluso amosan que o propio bipartito errou rexeitando a nosa proposta. Agora, polo menos cara a galería, están convencidos da importancia de dar espazos de maior participación e implicación á sociedade. De feito, aquelo que por dereito nos negaron, acababan por asumilo con feitos: reclamando á axuda das asociacións para a posta en marcha do Mercado Medieval, na organización de As San Lucas -en perigo por primeira vez desde 1156- ou na defensa do emprego. Están a tempo de rectificar e permitir que sumemos brazos, sumemos forzas, ante os retos que temos diante. Ben é certo que a implicación da sociedade non é escusa para que cada un de nos, e en especial os que temos responsabilidades políticas, poñamos todo da nosa parte para levar adiante o noso programa electoral e busquemos solucións ás graves problemáticas que están a xurdir. Unha tarefa da que non pode renunciar o Goberno local, que debe facelo en primeira persoa. Limitarse a pensar que os únicos remedios están en que veña alguén desde fóra a solucionarnos a papeleta é volver a equivocarse ou incluso pretender enganarnos.

O PP liderou un acordo político unánime no Parlamento o pasado día 27, que chamada á implicación de todas as administracións no futuro deste terra. Que pretendía sensibilizar a Xunta, Estado, Concello e Deputación do urxente e necesario que é actuar. Unha vez máis reiteramos ese chamamento, tendendo á man e dando á benvida tamén á implicación da propia sociedade. Facémolo desde o convencemento de algo moi sinxelo de entender: Só unidos, deixando partidismos á marxe e abandonando posicións sectarias acadaremos os fins pretendidos. Esperemos que este feito sirva para que o bipartito mindoniense teña aprendido algo e rectifique. Que sexa posible recuperar a nosa proposta a crear unha comisión de participación cidadá no Concello.

Unidos gañaremos futuro.