Reconversión en Mondoñedo

Xosé M. Palacios

A MARIÑA

27 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Nos tempos nos que os xornais se actualizan en Internet cada poucos minutos e as informacións se comparten case ao instante en Facebook ou en Twitter soa un pouco estraño, algo así como una versión prehistórica da actualidade, que un xornal editado pola mañá chegue a unha vila pola tarde ou ao día seguinte. ¿Necesítase algún exemplo? Velaí un: así ocorría hai uns 30 anos en Mondoñedo coa prensa de Madrid.

Hoxe, co ordenador, co teléfono móbil, co iPad e con algunha innovación máis que se cadra chegará ao mercado para facer vello o que hai meses era o avance máis novidoso, non hai barreiras fronte á información, como tampouco as hai para feitos que estes días nos desacougan.

Hai un ano ou dous, falar da crise, iso que todos comentamos queirámolo ou non, levábanos en certo modo a colocar unha distancia entre os lugares con problemas e outros -poñamos que falo de Mondoñedo- que estaban á marxe desas dificultades. O tempo amosounos que aquilo era só unha ilusión, coa particularidade de que Mondoñedo semella condenado a sufir o peche da súa principal e case única industria.

Pensando na falta de tecido industrial, no envellecemento demográfico e no efecto dominó que se producirá se Finsa remata o seu ciclo en Mondoñedo, a un pesimista poden sobrarlle razóns para pintarlle un negro futuro a Mondoñedo. Pero o arriba asinante lembra que nos oitenta, pouco despois daqueles tempos analóxicos nos que lía a prensa de Madrid cun día de retraso, houbo zonas que quedaron sen actividades económicas moi arraigadas e comenzou a espallarse o concepto de reconversión, descoñecido ata entón.

¿Que Mondoñedo debe reconverterse? Adiante. Sobra terreo de calidade para que crear unha gran cooperativa de horta. Sobran sitios para construír un xeriátrico que xere aínda máis postos de traballo ca os de Finsa. Sobran recursos para que as administracións desenvolvan un proxecto de dinamización turística. Sobran razóns xeográficas e estratéxicas para ensaiar iniciativas vencelladas co sector forestal. ¿Sobran políticos dispostos a estar á altura das circunstancias, a falar sen eslóganes, a defender os intereses de Mondoñedo e da Mariña sen pensar nuns poucos votos? Oxalá. Pero non hai tempo que perder.