Todo é relativo. Pasaron dez anos xa do pasamento de Hernán Naval e non semella que transcorrira tanto tempo, pois temos aínda fresca na memoria a súa lembranza. É por iso. Tiven oportunidade de compartir amizade con Hernán durante anos e mesmo un libro. Nun dos meus poemarios editado por Galaxia van xa moitos anos, Hernán tamén participa cunha partitura musical. Púxo música a un texto, a un poema, e no libro tamén incluímos esa partitura. Nunca cheguei a oír a música que compuxo Hernán para ese poema; por unhas razóns ou por outras, non foi posible.
El era, como sabedes vós moito mellor ca min, unha persoa activa, dinámica, non só para a música, tamén para a cultura e o compromiso, mesmo para o compromiso político. Foi o tempo aquel de «Abril no Pastor Díaz», co apoio de Sementeira, cando viñeran destacados poetas galegos a recitar ao teatro de Viveiro: Novoneyra, Manuel María, Pilar Pallarés, Fernán-Vello, etc, Lino Braxe e eu eramos os máis novos. Xa en Ribadeo emprendeu unha extraordinaria labor en favor da música e da aprendizaxe musical con todo o seu ánimo e entusiasmo. Hoxe en Ribadeo réndenlle memoria e homenaxe. Agradecemento ao que me sumo con estas humildes liñas.