Burela publica a súa historia

María Cuadrado Fernández
m. cuadrado BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

O libro «Memoria do oficio do mar» recolle o relato dos protagonistas

06 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A presentación do libro Memoria do oficio do mar en Burela, da autora Olga Suárez, e do deuvedé co relato das vivencias de moita xente vinculada ao mundo do mar, xa forma parte da historia deste municipio grazas á colaboración de moitos burelenses que aportaron os seu testemuño para que as novas xeraciósn entendan cómo discorreu a evolución do concello, sempre vinculado ao mar.

A publicación, que resume a historia máis recente desde finais do século XIX ata hoxendía, divídese en dúas partes. A primeira, dedicada ás costeiras e ás embarcacións de principios e mediados do século XX, ao asociacionismo mariñeiro, ao porto, á instalación de fábricas de salga e de conserva, á venda e comercialización do peixe e ao tempo de festa e de lecer. Arranca cunha foto do muelle burelense de 1932 e incorpora, entre outras, reproduccións de instantáneas do cabildo da confraría no 1954 ou da tarefa de embarque de caolín nos anos 40 e 50. Lembra cómo se desenvolveu o proceso de renovación e ampliación da flota na década dos 60 e destaca que a embarcación O Niño Jesús foi das primeiras en usar o radar.

Non menos atractiva é a segunda parte do libro, na que se pretende achegar ao lector ao día a día da xente. A historia dos carpinteiros de ribeira comparte protagonismo coas primeiras botaduras de barcos, e tamén teñen un capítulo destacado as traballadoras das fábricas da conserva de Bravo ou Remo, o proceso de recollida da olga e o traballo dos fareiros e fareiras e do práctico.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano e a concelleira do Mar, agradeceron a presencia no acto de moitos dos que son protagonistas da publicación e do deuvedé.