«Eramos unhas rapazas e todo o aprendemos en Sargadelos»

ana f. cuba SARGADELOS / LA VOZ

A MARIÑA

A primeira empregada da fábrica lembra a alegría enorme dos inicios

13 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Marisa Casas Mon (Figueirido, Sargadelos-1954) entrou na fábrica de Sargadelos o 21 de xullo de 1969. Seu pai era ferreiro, «gañaba para comer e nada máis, na casa non entraban cartos», recorda. Ata que a finais de agosto chegou ela co sobre: «Eran catro mil pesetas e algo, polo mes enteiro e aqueles días de xullo. Daquela non había carretera e baixei correndo cunha compañeira. Aquela ilusión de gañar aqueles cartos...». Tiña 15 anos e había pouco que saíra da escola. «Acórdome perfectamente de cando nos viñeron avisar que fóramos a Sargadelos, estaba comendo arroz, non se me olvida a alegría», conta.

Os obreiros que traballaban na construcción da fábrica eran clientes de seu pai: «Arregláballes a ferramenta, un día díxolles ?teño unha pícara, gústalle traballar...?». Quizás por iso a chamaron. «Só sabiamos que era algo de cerámica, nada máis, chegamos, fixéronnos un exame bastante elemental e logo veu un señor e dixónos ?mañá empezades, traede unha bata ou un mandil?. Que alegría...», lembra. Chegou o día e o encargado ensinoulles os moldes e díxolles que tiñan que enchelos con pasta de cerámica. «Eran enormes, non podía con eles, xa non durmía de noite pensándoo».

Mágoa por ter que marchar

Daquela todos estaban aprendendo, as empregadas e os xefes, experimentando técnicas e métodos de traballo. «Vas vivindo contratempos, pero enriquécente e logo valo valorando. Eramos nenas, unhas rapazas, e todo o bon, todo o aprendemos aí», explica Marisa, a primeira en incorporarse. Ela segue traballando na fábrica anque sabe que lle queda pouco. A crise virouno todo e vana prexubilar. Fala con gran mágoa desta marcha tan acelerada; contaba seguir polo menos ata os 60.

Ao principio eran tres compañeiras novas, outras dúas que xa estiveran practicando a pintura na planta do Castro (Sada) e tres rapaces. «En pouco tempo xa foi a máis, empezamos a facer probas, pintar..., e a xente xa quería comprar as pezas así», relata. Aquel primeiro ano xa contrataron máis xente; co tempo chegaron a ser uns 120, a maioría sempre mulleres (hoxe superan algo o centenar). «Sempre me gustou. Alí aprendemos a traballar, aprendemos a vida...; antes non coñeciamos nada porque aquí non había nada, nin sabiamos o que era un grupo folclórico (logo formaron un na fábrica, ela non entrou)», afirma.

Nunca antes oíran falar de ?xeonllos? ou ?fiestras?, ata que apareceu Isaac Díaz Pardo: «Non teño palabras, como persoa, como director, relacionábase con nós coma se fora un máis. Deunos traballo a familias enteiras... El ensinoume a preparar as primeiras pezas. Todo llo agradezo». A posta en marcha da fábrica abreulles unha porta ao mundo e á cultura e supuxo unha proxección enorme de toda a comarca. Marisa fala dos cursiños de cerámica, que enchían Sargadelos de xente en verán; da piscina que mandou construír Díaz Pardo para aquelas pícaras que xogaban e se poñían ao sol despois de comer; das conferencias de escritores e profesores, moitos estranxeiros; das exposicións; das visitas de Luis Seoane; das excursións ao Castro e dos libros que lles regalaban, nos que descubriron a Ibáñez. De tanta «xente importante» que doutro xeito tal vez non chegaran a coñecer.

As primeiras vaixelas

Marisa acórdase tamén da primeira vez que lles deron pezas de Sargadelos para a casa. «Eran pratos e unhas taciñas..., que contentas viñamos». Ela leva case corenta anos montando pezas. Cita a muller namorada -«que non ten xeito de nada, dicía Díaz Pardo»-, os quixotes, o Sant Jordi, o Santiago a cabalo, o moucho señorito, o espantallo, os galos, as bruxas, e as primeiras vaixelas -de follas, Rueta (co balcón do Campanillo), Burela (un balcón da vila), Vilar de Donas (a porta do castelo)...-. Os deseñadores, como Xosé Vizoso, tan apreciado, comentábanlles os debuxos.

«Máis aló de ser unha fábrica, é a cultura expresada na cerámica, os labregos, as peixeiras, o arado, a parella de vacas na feira, a peregrina, As San Lucas..., todas xuntas fan unha pequena historia de Galicia», resume. Esta muller leva milleiros de pezas encoladas e non cansa. Algo gardan dela e de varias xeracións que medraron ao carón de Sargadelos. «Sen pertencerche, séntelo coma teu», sentencia.

Marisa Casas Mon

56 anos

Empregada da fábrida de Sargadelos

Gústanlle o ganchillo e o punto de cruz

A fábrica de cerámica de Sargadelos, onde leva toda a vida traballando. A finais do mes de xullo cumpriranse 42 anos da súa incorporación á empresa