Isaac na Mariña

Suso Fernández

A MARIÑA

O27 de outubro de 2009 o prestixoso intelectual e empresario Isaac Díaz Pardo recibía de mans da Súa Maxestade o Rei a Medalla de Ouro ó Mérito nas Belas Artes, que viña a sumarse ós numerosos distingos que, sobre todo dende o ámbito da cultura da nosa terra, levaba xa recibido o polifacético e ilustre intelectual, das mais representativas institucións e colectivos. Non vamos a incidir na personalidade de Díaz Pardo: bastaría só con mentar a Sargadelos co que este significa industrial, socio-laboral, cultural e economicamente. Inxente o labor realizado por quen é todo un símbolo de coherencia, humildade, dignidade, esforzo e amor á terra, que ten aportado, e segue a facelo, a Galicia en xeral, e á Mariña, onde ao longo dos tempos non se prodigaron valedores semellantes. Isaac trouxo á bisbarra cultura, arte, prestixo e postos de traballo, directos e indirectos, e o nome dos nosos pobos acadaron renome universal.

O milagre da recuperación de Sargadelos, buque-insignia do grupo, fixo que A Mariña fose a gran beneficiaria desta dedicación desbordante. Por iso os mariñáns non podemos quedar á marxe das manifestacións de solidariedade sen amosarlle, de xeito colectivo, o noso recoñecemento e gratitude a quen tanto leva feito pola nosa terra, á que trouxo valores imperecedoiros que quedarán gravados con letras de ouro, na súa historia. O non facelo sería dunha lamentable ingratitude. Hai algún tempo, Díaz Pardo recibía a Medalla de Ouro de Galicia; O Mundo de Galea investía a tan ilustre persoeiro como Cabaleiro do Mariscal Pardo de Cela e o Concello de Cervo, ao que expresamos os nosos parabéns, acaba de nomealo Fillo Adoptivo; iniciativas encomiables.

Pero entendemos que esta última debería ser solidaria entre os pobos mariñáns e ofrecerlle todos esa distinción conxuntamente, feito do que existe precedente, aínda que fosen outras moi distintas as motivacións e tamén o estatus político da sociedade. Estase aínda a tempo de artellar algunha actuación neste senso e sería desexable que os nosos gobernantes, aínda que por unha soa vez, fixesen gala dunha sensibilidade a cotío posta en entredito pola cidadanía, e fosen quen de facer realidade esa unión e solidaridade que de cando en vez pregoan nos xornais, e que non quedase en pura demagoxia, como sempre sucede.