«O Conservatorio de Viveiro é un referente na provincia»

M.?????Albo VIVEIRO/LA VOZ.

A MARIÑA

O centro recupera o terceiro andar, sobe a matrícula ata 280 alumnos e estrea profesor específico de composición

30 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Antonio José Álvarez Neira (Viveiro, 1966) cumpre o seu sexto ano á fronte do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e faino nun curso especial, xa que os alumnos e profesionais do centro poderán utilizar de novo o terceiro andar.

-¿Como vai a matrícula para este novo curso?

-Vai moi ben, xa que temos a 280 rapaces matriculados, un número superior ao do ano pasado. Ademais, medrou o claustro de profesores cun especializado en composición. Coa súa chegada, que lle agradezo por apoiarnos con ela ao alcalde, Melchor Roel, pasaremos a impartir todas as especialidades que esixe a Xunta e seguiremos sendo un centro de referencia a nivel provincial, dado que temos 23 profesores, máis que en Monforte, Sarria e Vilalba.

-¿O centro estrea andar?

-Si, xa podemos usar o terceiro piso ao completo, logo das obras, polo que para este curso contaremos con seis aulas máis que o ano pasado. Teremos unha aula infantil, con tres clases; catro cursos de grado elemental e seis de grao profesional.

-¿Que especialidades se van impartir este curso?

-Teremos dezaseis: trompeta, trompa, tuba, trombón, piano, guitarra, acordeón, canto, saxofón, frauta, clarinete, violín, viola, violoncello, contrabaixo e percusión. Pensamos que é unha boa oferta.

-¿Aspiran a seguir consolidando a oferta?

-Por suposto. A nosa aspiración é aumentar o número de profesores, para que podan entrar no conservatorio todos os que o soliciten, xa que este ano quedou xente sen praza.

-¿O movemento de adultos tamén é importante?

-Si que o é. De feito, o ano pasado tiveron que forman unha asociación coa que poder autoabastecerse dos profesores e das aulas do conservatorio. Calculo que integran o colectivo entre 80 ou 90 persoas, formando agrupacións como a de acordeón ou o grupo Brétema, e asistindo ás clases de coro, linguaxe musical, piano e guitarra. Trátase de xente que non estudara música e agora empeza, o que lle dá un ambiente bárbaro a Viveiro, porque acoden aos concertos e organizan actos. Logo de cinco anos implantado, un deles, Samuel Fernández Bouza, de 53 anos, accedeu ao grao profesional.

-¿Saen bos profesionais do centro?

-Si, saen músicos excelentes. Este ano dous alumnos accederon ao Conservatorio de Grao Superior da Coruña e outro máis, Felipe Sánchez, rematou o luns a carreira con Matrícula.

-E o conservatorio tamén se retroalimenta dos seus antigos alumnos.

-Certo. De feito, o novo profesor de composición é antigo alumno e eu e varios profesores tamén o somos.