Entusiasmo sanluqueiro

A MARIÑA

21 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Neste verán, que entre outras cousas salientou pola polémica entre defensores das corridas de touros e partidarios da súa prohibición, usouse o argumento da inspiración que supuxeron para algúns artistas -fálase case sempre de Picasso e de Goya- como unha das razóns que explican a importancia de mantelas.

Como xa se viu, non é moi doado o acordo entre uns e outros; pero suponse que si estarán de acordo en que as imaxes que temos de feitos, lugares ou persoas acaban moitas veces por incluír unha parte na que a ficción acaba convivindo coa realidade ou triunfando sobre ela. Permítanme un exemplo: só sei que Jake LaMotta foi un boxeador de hai décadas, pero resulta difícil de esquecer a película sobre a súa vida na que Robert de Niro interpreta o personaxe principal.

Creo que non ando lonxe da realidade se digo que nin touros nin boxeo teñen moita presenza na Mariña como actividades de lecer; pero creo que ando preto da verdade se digo que se achegan unhas festas que son coñecidas pola súa capacidade para inspirar obras de ficción pero tamén polo seu carácter real, achegado a unha situación ben concreta. As San Lucas teñen inspirado páxinas de xornalismo literario de Álvaro Cunqueiro e carteis de Xosé Vizoso; pero son tamén punto de encontro, motivo de ledicia, causa de nostalxia, ocasión de reencontro e razón para coñecer Mondoñedo.

Chegado este momento do ano, calquera conversa entre sanluqueiros, condición que vai máis alá do territorio mindoniense, comeza, pasa ou remata por estas feiras que son, por enriba de todo, as nosas feiras e algo tan abstracto pero tan real como o feito de supoñer un dos sinais de identidade de Mondoñedo.

E como non son estes tempos alleos á crise nin ás dificultades de organizar feiras deste tipo, convén lembrarmos algo que escribiu a comisión de 1959 no libro das festas: «Mondoñedo é cordial e acolledor, e ben o sabe o que nos teña visitado aínda que só o fixese unha vez... (...) Invitamos cordialmente a todos a viren ás San Lucas de Mondoñedo, unha gran feira, unhas alegres festas, no marco incomprable do outono galego, nunha cidade antiga e monumental».

Así era, e así, creo, segue a ser. Sanluqueiros do mundo, preparémonos.