O actor galego Miguel de Lira é, xunto con Enrique Otero, coguionista do filme Crebinsky que chega ao FestivalON, con concerto da banda musical incluído, pero tamén protagonista desta película sobre dous irmáns con Sergio Zearreta, cantante do grupo Lamatumbá. O elenco do actores o completan Luis Tosar, Celo Bugallo, Patricia de Lorenzo e Farruco Castromán, entre outros.
-¿Estivo nalgunha outra ocasión no FestivalON?
-Un par de anos ou tres, aínda teño a camiseta do festival na que, creo, se vía un percebe.
-A xira da película chámase «Universo Crebinsky» e ademais da proxección se inclúe o concerto de Crebinsky, responsable da banda sonora.
-Esta de Ribadeo é a segunda presentación, despois da feita en Ortigueira o día 8. Seguirá por A Coruña o 12 de agosto, Pontevedra, Ourense, Lugo... O espectáculo inclúe pasarrúas primeiro, película despois e mini-concerto ao final pero partiuse en dous días no caso de Ribadeo.
-¿Que tal foi, por tanto, a primeira acollida en Ortigueira? ¿Esperan que «Crebinsky» teña a mesma reposta por parte do público ribadense?
-Supoño que si, en Ortigueira foi ben. Esta é unha película da que se sae ben. A xira é como unha especie de promoción, de distribución en Galicia, pero feita nun formato orixinal de presentar música e cine, en directo. O feito de que estean algúns actores presentes e se proxecte a película é coma unha especie de 3D, pero en versión de carne e oso... Vamos a facer o estreo mundial no festival de Corea do Sur, onde foi seleccionada para representar a España. A intención despois é ir a salas de cine comerciais no outono ou primeiros do ano que ven.
Con respecto ao grupo musical Crebinsky, está formado por Pablo Pérez como compositor e polos músicos Vadim Yuknevich, Fernando Abreu, Carlos Castro, Xacobe Lamas, Miguel Queixas, Pablo Rega e Enrique Otero que é, ademais, o director da longametraxe, unha das máis agardadas do ano en Galicia.